Viveiro, 25 de agosto de 2016. Dende o Concello de Viveiro informamos á cidadanía, que en data 24 de agosto recibiuse no Concello, remitido polo ente público Portos de Galicia o “Proxecto de trasvase de area na praia de Covas, Viveiro (Lugo)” por un importe de 108.548,66€ que contempla obras consistentes na realización dun trasvase de 30.000 m³ de area da zona de levante, aos primeiros 300 metros da zona de poñente na praia de Covas, de tal forma que free momentaneamente a regresión da citada praia e de protección ao paseo marítimo existente.
O deputado e concelleiro na oposición do Concello de Viveiro polo Partido Popular Jaime de Olano facía o pasado 22 de xuño, antes das eleccions xerais do 26-j, anuncio da aprobación do trasvase, sen que o goberno municipal tivera constancia oficial algunha referente ao tema e por elo, remitiu un escrito a Portos solicitando información ao respecto.
Dende Portos de Galicia non tivemos resposta ao citado escrito, si ben recibimos o proxecto referido.
Segundo nos comunica Portos de Galicia, a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar informou sobre as medidas correctoras a realizar de cara a recuperación da praia de Covas na zona de poñente e coa finalidade de dar solución provisional á protección do paseo marítimo.
Dado que non é posible asegurar a duración do novo perfil xerado resulta imprescindible a realización dun estudio de dinámica litoral que derive na presentación das medidas correctoras máis viables de cara á recuperación da praia de Covas.
Conforme á información remitida, á espera da aprobación do proxecto por parte de tódolos organismos públicos afectados procederase previamente á formalización do convenio de colaboración correspondente.
Aínda que non é unha solución definitiva, dende o goberno municipal, estimamos que supón un avance a fin de intentar atallar o problema existente, e evitar que se siga deteriorando a praia de Covas, así como tamén as vivendas de dita zona ás que afecta, confiamos que esta medida supoña un inicio para unha solución definitiva a esta problemática que vimos arrastrando dende hai anos.
Por outra banda, indicar que este proxecto foi comunicado ós veciños que forman a plataforma en defensa da praia de Covas.
Viveiro, 25 de agosto de 2016
O alcalde en funcións,
Asdo.: Jesús A. Fernández Cal.