O Presidente, Darío Campos Conde, informou este venres da aprobación en Xunta de Goberno dun investimento de 3 millóns de euros para toda a provincia, que busca impulsar a economía e o emprego, e mellorar as prestacións públicas aos veciños.
Campos Conde explicou que 1,4 millóns son para as axudas dirixidas a todas as asociacións culturais, entidades e clubs deportivos lugueses. Son as subvencións de concorrencia competitiva e non competitiva presentadas nos pasados días. Neste senso, o Presidente reiterou que as ordinarias axudas para o CD Lugo e Breogán, que non se contemplan nestas dúas programacións ao seren sociedades anónimas, están garantidas e comprometidas no Orzamento de 2016, polo que se acordarán en vindeiras sesións.
O titular provincial apuntou que outros 1,6 millóns de euros, tamén aprobados na Xunta de Goberno de hoxe, son para melloras en infraestruturas e dotacións públicas, así como para actividades en impulso da economía local de 10 Concellos da provincia:
– O Páramo: acondicionamento de accesos aos núcleos de San Vicente, Quintela e Pinte. Estes traballos contan con 65.000 euros.
– Abadín: arranxo da estrada de Fontevella a Carrizal con 372.000 euros.
– Friol: mellora da vía que une deste Concello coa localidade de Parga. 300.000 euros.
– Pantón: acondicionamento da vía de Ferreira a Goián. 127.900 euros.
– Viveiro: mellora dos accesos á praia de Area e á igrexa de Covas; acondicionamento do Camiño Real e da ruta de sendeirismo dende o Monte de San Roque ao do Penedo do Galo; e realización de actividades lúdico-culturais. 200.000 euros.
– Samos: mellora das vías de Portela, Nande, Carqueixada, Lamas, Santa María, Teiville e Santana de Abaixo; reparación da traída de auga en Zoo; mantemento das vivendas comunitarias e pisos tutelados; e colaboración coa Feira de Gandería. 173.000 euros.
– Pastoriza: mellora dos centros socioculturais e sociais de Loboso, Rigueira e Pousada; reconstrución do palco de música de Lagoa; ampliación da rede de abastecementos de Bretoña; acondicionamento da estrada ao centro de saúde do Concello; e adquisición de maquinaria para a conservación de vías municipais. 160.302 euros.
– Mondoñedo: colaboración co Mercado Medieval desta fin de semana. 32.000 euros.
– Pol: melloras nos abastecementos de auga en Caraño, Chaín, Gomesende e Baílle; e compra de maquinaria para a conservación de vías municipais. 215.000 euros.
– Rábade: colaboración co festival de música Rabafolc que comeza hoxe. 8.000 euros.
Máis de 9 millóns para melloras nos Concellos
En vindeiras Xuntas de Goberno aprobaranse novas actuacións nos Concellos, pois o Goberno da Deputación levará melloras a todos os municipios con máis de 9 millóns do Orzamento de 2016, que se suman ao investimento doutras programacións tamén para todos como, por exemplo, o DEPUEMPREGO, o Plan de Aforro Enerxético, o Plan de Mellora de Tics, SAF, Teleasistencia, POS… De feito, o Presidente destacou que xa se consensuaron cos Alcaldes actuacións de 3,6 millóns de euros en 26 municipios.
Outros acordos
O Executivo Provincial tamén aprobou na Xunta de Goberno de hoxe iniciar o proceso de contratación de dúas cisternas que se incorporarán aos equipos de rego que melloran estradas provinciais e municipais de toda a provincia. O prezo de licitación é de 171.800 euros. Ademais, acordouse a contratación de dous desempregados lucenses, que comezarán a traballar noutras tantas empresas a través do Ben Empregado. Trátanse dun peón gandeiro para O Páramo e dun motoserrista para O Saviñao. O luns, publicarase na Bolsa de Emprego da Deputación un novo posto como aparellador, abrindo o prazo de solicitude, que é de 10 días.