- Catro alumnos do IES de Foz visitan o centro homólogo de París Lycée Guillaume Tirel
Na capital francesa, participan nas súas clases prácticas, traballando tanto na cociña como na sala. Este instituto colabora co IES de Foz dende 2017, tanto recibindo como enviando alumnado á Mariña. Esta viaxe está encadrada dentro do programa Erasmus+ que estrea esta convocatoria estas mobilidades en grupo para FP. Trátase dunha boa experiencia para coñecer de cerca o funcionamento da FP noutros países e intercambiar vivencias con alumnado de hostelería.
- Este sábado, 18 de xaneiro, Cervo, celebrará o primeiro Guateque de Arruguiñas deste ano
Será ás 20:00 horas na Casa do Mar, coa colaboración da asociación de Xubilados Terramar, e que contará coa actuación do Dúo Caramelo. A cita gratuíta está aberta a todo o público.
- O documental “Ecos de Saudade, retrato en si bemol” de Maria Acuña Rodriguez e Manuel Vázquez González, seleccionado para os premios Mestre Mateo do audiovisual galego
A obra conta a historia de este grupo de mozas gaiteiras que se formou a principios dos anos sesenta, primeiro en España e posiblemente en Europa, dende os seus inicios, formación, saídas, repertorio, éxitos ata a sua disolución. O prazo de votacións dos académicos, para coñercer os catro finalistas remata o 27 de xaneiro, o gañador entre as vintetres candidaturas na categoría documental, darase a coñecer o día quince de marzo en Lalín.
- O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, recibiu este mércores a un grupo de alumnos e alumnas do IES Perdouro, de Burela, que coñeceu a Produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación
Os preto de 50 estudantes fixeron unha visita polos distintos departamentos na que puideron descubrir o traballo que se desenvolve dende o arquivo, a redacción, a sala de cámaras as mesas de realización ou os platós. Rivera Capón deu a benvida aos participantes e destacou que “agardo que desfrutedes desta visita didáctica na que coñeceredes de forma lúdica, práctica e divertida os labores que se realizan en cada un dos espazos da produtora”.
- Ruta pola Senda Azul de Ribadeo
A Guía Oficial de Turismo Ana Pena comeza o ano propoñendo novas visitas guiadas na Mariña. A do próximo domingo 19 de xaneiro ás 10h terá lugar no concello de Ribadeo. Máis concretamente será a Senda Azul, un interesante percorrido entre o Muíño das Aceas e o Faro de Illa Pancha, que pasa por lugares de importancia como a ría de Ribadeo, a Praia dos Bloques, a zona portuaria, ou o parque etnográfico do Cargadoiro, entre outros. A ruta ten unha extensión de 10km cunha dificultade baixa e poden asistir mascotas. O prezo é de 10€ persoa e as reservas poden facerse no 654 99 68 57.
- Os 7 alumnos/as do obradoiro de xardinería están a realizar traballos de poda no núcleo de Cervo
Os restos serán agora biotriturados para converterse en acolchado de macizo das plantas, creando un abono orgánico que axudará a reducir a aparición de malas herbas e o uso de abonos e herbicidas químicos. Desce o Concello animan ao alumnado a seguir aproveitando así cada día dos nove meses de formación dual que teñen por diante.
- Este venres 17 de xaneiro, ás 19,30h, na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, vaise presentar a novela "Entre a vontade e o destino" (segunda parte da súa triloxía "Banu Marwán: a estirpe do galego") de Xosé Henrique Costas
O acto está organizado pola A.C. Francisco Lanza. Presentará ao autor Suso Fernández Acevedo (profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo). Nesta segunda entrega, Marwán, fillo de Ianes O Galego, comeza unha nova vida acollido polos xudeus de Munt Sáluti ata que emprende camiño a Mérida. Alí, grazas aos seus contactos e á súa competencia, entra ao servizo da administración amiral e vai subindo na escala ata chegar a ser nomeado valí ou gobernador dunha cidade adoito insubmisa e levantadiza contra o poder de Córdoba.