O rexedor municipal explicou que “desde o Concello de Cervo estamos nestes días levando adiante unha obra nun dos nosos edificios públicos; en concreto na Casa do Mar de San Cibrao estamos a proceder á instalación dun ascensor. Este edificio ten dúas plantas e na de arriba está a sede da asociación de xubilados Terra Mar. Por ese motivo e para permitir o acceso a calquera outra persoa que queira ir a esta planta é polo que decidimos facer esta obra. O custe total é de 22.000 euros ,que son sufragados totalmente polo Concello de Cervo con fondos municipais”.
Alfonso Villares lembrou que “deste edificio da Casa do Mar de San Cibrao agora mesmo ten a súa concesión o Concello de Cervo. Despois de que durante moitos anos tivéramos dificultades para conseguir a súa cesión e unha vez lograda levamos adiante unha serie de actividades e obras que nós consideramos fundamentais porque estamos a poñer o edificio a disposición dos veciños”.
O alcalde de Cervo explica que “en primeiro lugar o que fixemos foi situar aí a Escola Infantil do Concello de Cervo, que está nunha parte da planta baixa deste edificio; e agora mesmo o que procedemos a facer é que este edificio sexa accesible para todas as persoas. Por iso a obra deste ascensor vémola máis que necesaria”.
Villares engadiu que “decidimos abordala nesta época do ano, antes de que empece o curso que vén e que estean outra vez os nenos da Escola Infantil utilizando este edificio. Por iso se fai neste momento, durante o verán, o que igual a moitos lles sorprenderá, pero precisamente o motivo polo cal o facemos nestas datas é ese”.