Pouco a pouco imos coñecendo as distintas listas electorais das circunscricións galegas, e dende Compromiso por Galicia Lugo analizándoas e centrándonos nas que máis nos interesan, que son as desta provincia, sacamos unha primeira e gran conclusión, todas reflicten unha importante perda de peso político da comarca mariñá.
Se vemos a do Psoe, chama a atención que a candidata pola Mariña vaia no posto catro da lista, cando historicamente esta formación política reservaba o terceiro posto da mesma para a persoa da Mariña.
Ó analizar o conglomerado de En Marea, sospeitamos que as posibles persoas que poidan ir nas listas representando á nosa comarca non o farán nos postos de saída xa que nas listas internas desas formacións as primarias xa non van nos primeiros postos.
Se a todo isto lle axuntamos a perda de peso do PP de Lugo na Xunta, vemos que é preocupante a situación política da comarca da Mariña no próximo parlamento galego, máis tendo en conta que a nosa comarca representa o 40% do PIB provincial.
Á conclusión que chegamos é que Compromiso por Galicia é á única forza política que realmente lle preocupa A Mariña de Lugo, xa que o noso candidato por Lugo é mariñán. Polo tanto, traballaremos para que a cidadanía da comarca vexa que Compromiso Por Galicia é a única alternativa ao PP para que A Mariña continúe a medrar e se desenvolva todo o seu potencial dentro da provincia.