O edil nacionalista explicou que “ao longo desta fin de semana vanse desenvolver varios actos no marco das festas patronais de Santa María do Campo, de entre os cales cabe destacar a lectura do pregón a cargo do ribadense Óskar Aramburu, na que actuará tamén a Coral Polifónica de Ribadeo, e o concerto de Roi Casal, Donos do noso destino”.
Farruco Graña contou que “previamente comezaremos cun acto pensado para os pícaros e as pícaras (ribadenses e que nos estean a visitar) coa actuación, este venres, 2 de setembro, ás 19:00 horas, no Parque de san Francisco, do grupo Pistacatro. Vannos representar O trasno”.
O concelleiro de Cultura seguiu a relatar que “xa ás 20:30 horas no Cine-Teatro Óskar Aramburu leranos o pregón das Festas de Ribadeo 2016. Será un pregón cheo de lembranzas e tamén de ilusións coas que dar comezo a un novo curso, no que ademais haberá momentos para algunha que outra pequena sorpresa. Como é costume nos Pregóns das Festas Patronais, a Coral Polifónica de Ribadeo deleitará o acto coa súa actuación musical”.
E engadiu que “o sábado, 3 de setembro, contaremos coa actuación de Roi Casal, que nos vai presentar a súa xira do ano 2016, Donos do noso destino. Será ás dez da noite, ante a Casa do Concello. É o broche de ouro á programación cultural da que gozamos durante este verán en Ribadeo”.