Os sistemas parlamentarios baseados nalgunha caste de proporcionalidade non coñecen as maiorías absolutas. A Europa máis adiantada (Escandinavia, Holanda, Bélxica, Alemaña, Austria) é un bó exemplo disto. Nestes sistemas xurídico-políticos (os máis avanzados e inclusivos) o voto produce unha gobernanza plural, a medio de coalicións poselectorais de goberno. Afastan, deste xeito, o risco dos abusos propios das maiorías absolutas (que tan ben coñecemos na Galicia con Fraga, Feijóo e Paco Vázquez ou no Estado español con Felipe González, Aznar ou Rajoy) e obrigan aos seus axentes políticos a negociar, renunciando e pactando todos, na procura de programas de goberno de ampla base e aceptación cidadá.
O PP (en si mesmo unha coalición de intereses non sempre ben compatíbeis) leva mallando moitos anos nas inconveniencias das coalicións. O PP, que ás veces semella que asumiu só algunhas formas da cultura democrática e non a súa substancia, defende “un só que mande fronte aos bipartitos, tripartitos e cuadripartitos”. Velaí o caso actual do bloqueo institucional que vive o Estado; disque Rajoy quitou sete millóns de votos, mais esquécense que outros catorce millóns votaron outras forzas. Nos sistemas parlamentarios, cando ningúen quita maioría absoluta e a candidatura máis votada non sabe ou non pode pactar, outros constrúen a coalición de goberno, porque por xunto representan máis votos, máis deputados e máis país ca a forza máis votada.
No caso das eleccións nacionais galegas do 25-S non corremos o risco de bloqueo institucional, porque calquera representación obtida por forzas distintas do PP e de Ciudadanos apoiará un goberno alternativo se esas dúas forzas non acadan maioría abonda xuntas. E cómpre considerarmos que, fronte aos votantes de Caballero ou Lores nas municipais, os electores do PSdeG, BNG, En Marea ou Compromiso coñecen perfectamente desta volta que os votos de cadanseu partido non dan por si e teñen que se entender xuntos. Velaí a oportunidade, mesmo en termos de pedagoxía política.
Nas coalicións de goberno multiplícase a transparencia e a rendición de contas e todos teñen que renunciar ás súas pretensións e pensar nun goberno para as maiorías sociais . As decisións son máis medidas e consensuadas e, xa que logo, máis efectivas.
A quen lle interesan as maiorías absolutas?
Xoán Antón Pérez-Lema