Burela, 30 de agosto de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, amosa a súa preocupación tras as obras realizadas na cuberta do pavillón dos Castros. O rexedor asegura que se fixeron, por parte da Consellería de Educación, traballos de reparación na cuberta, pero mantendo e actuando sobre as uralitas de fibrocemento con amianto existentes. Llano advirte do prexudicial que eses materiais son para a saúde e demandará que esa cuberta sexa retirada e cambiada por outra con materiais que se adapten á normativa e á lexislación vixentes.
Alfredo Llano lembrou que “xa hai moito tempo que aquí xa tíñamos previsto, de feito había un proxecto para cambiar a cuberta do pavillón do colexio Virxe do Carme, o colexio dos Castros, que realmente tiña unha necesidade evidente. Este pavillón segue coa cuberta de hai moito tempo que é de fibrocemento con amianto e por tanto era unha necesidade e unha obriga por lei cambiala e substituíla por outra que non tivera ningún inconveniente medioambiental nin sanitario”.
O rexedor burelés asegurou que “foi unha sorpresa moi grande cando Educación tomou a iniciativa de facer unha cuberta neste pavillón, pero deixando as uralitas de fibrocemento por debaixo. A antiga cuberta segue aí e limítanse a facer unha cuberta nova por enriba da que está xa instalada e manteñen a de fibrocemento con amianto. Isto sorprendeunos dado que había un proxecto que estaba pensado para cambiar eses materiais ademais de porque é necesario, está demostrado que o amianto é moi prexudicial para a saúde e polo tanto había que cambiar esa cuberta”.
O alcalde de Burela declarou que “Educación limítase a tapar unhas goteiras e mantén a cuberta de fibrocemento tal e como estaba. Falando con técnicos explicáronos que ese fibrocemento foi manipulado porque a nova cuberta tiveron que suxeitala nalgún lugar e para elo tiveron que perforar a de fibrocemento, de tal maneira que solta partículas que quedan en suspensión no pavillón”.
Llano móstrase “moi descontento e imos convocar unha reunión, xa falei esta mañá coas Anpas e coa Dirección do centro e esperamos a resposta de Educación, que veñan aquí e expliquen porqué razón non fixeron as cousas como se tiña pensado facer”.
O rexedor burelés lembrou: “dixo o señor Barcia que era unha obra que custaba 60.000 euros e na memoria que nos mandaron aparecen 40.000 euros, evidentemente aí non se ten en conta o gasto que hai que facer para tratar o fibrocemento con amianto. Pensamos que é algo que hai que arranxar urxentemente e cambiar toda a cuberta sen o fibrocemento o antes posible. Imos solicitar que se faga este cambio o máis urxente posible, o Concello ten que mirar de ter os alumnos con todas as garantías sanitarias dentro dun pavillón”.
O alcalde de Burela asegurou que “desde a Consellería nin sequera cumpriron o requisito entre institucións, aquí non se pediu un permiso explícito nin presentaron proxecto, soamente mandaron a memoria ao final e moi tardiamente. A nivel institucional nin sequera cumpriron os requirimentos mínimos que se deben cumprir”.
Alfredo Llano concluíu manifestando que “todo o que presume o PP e o señor Barcia de facer aquí as obras ten que reflexionar e explicarlles aos veciños porqué razón acometeron unha obra que nin sequera estaba prevista e que a fixeron mal”.