Site icon Crónica3.com A Mariña

A praia do Torno acollerá actividades de prevención de afogamentos e outros riscos no entorno acuático o 29 e 30 deste mes

260916 Presentación  xornadas prevención de afogamentos en CervoCervo, 26 de agosto de 2016. O Concello de Cervo, xunto coa Fundación MAPFRE e en colaboración coa Empresa Pública de Emerxencias Sanitarias (EPES), realizará unhas xornadas de prevención de afogamentos e outros riscos no entorno acuático. Serán a vindeira semana, concretamente o luns 29 e o martes 30, na praia do Torno. Foron presentadas polo concelleiro de Seguridade Cidadá e Protección Civil, José Ramón Soto, e o cabo de Protección Civil, Mario Antuña.

O edil de Seguridade Cidadá explicou que “as actividades terán lugar no entorno da praia do Torno, de San Ciprián, os días 29 e 30 de agosto, luns e martes, en horarios de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00. As xornadas serán totalmente gratuítas e poderán asistir todas aquelas persoas que o desexen, anotándose no propia praia do Torno nas datas e horas sinaladas. O principal obxectivo é trasladar á sociedade as pautas de prevención para evitar accidentes no entorno acuático; e en caso de producirse ensinar uns conceptos básicos esenciais para actuar ante unha situación de emerxencia, xa que o afogamento é unha das 10 causas principais de falecemento en nenos e mozos, tendo unha estimación de 370.000 mortes ó ano no mundo e 450 persoas en España durante o 2015 por este motivo. Por todo isto o Concello de Cervo quere aportar o seu apoio a esta campaña que se está a levar a cabo por todo o territorio nacional, sobre todo naqueles concellos que dispoñen de praias con bandeira azul, como é o caso do noso municipio”.

José Ramón Soto especificou que “as xornadas consistirán en tres accións paralelas, as cales podemos resumir do seguinte xeito: haberá unha carpa central na que se impartirán charlas por persoal do Grupo de Investigación de Actividades Acuáticas e Socorrismo; están destinadas a dar consellos básicos de prevención de afogamentos e poderán asistir todo tipo de persoas. Tamén haberá outras dúas carpas, unha delas estará destinada a nenos entre 3 e 12 anos, que terán que debuxar un consello de prevención sobre unha camiseta, a cal poderán levar gratuitamente. A outra carpa vai destinada a adultos e impartiranse nocións básicas de actuación para facer a reanimación cardiopulmonar, onde se lles dará unha mini guía de actuación en caso de emerxencia e un detalle pola súa participación”.
Soto rematou comentando que “o Concello de Cervo considera moi importante esta actividade preventiva, xa que para este equipo de goberno a seguridade dos nosos veciños e visitantes é unha prioridade; e por iso lle damos moita importancia a esta campaña de sensibilización da poboación. E tendo en conta os datos que indican que moitas persoas infravaloramos os riscos relacionados coa auga e descoñecemos que este tipo de incidentes son máis frecuentes e graves do que pensamos, por iso dende o Concello promovemos esta actividade para intentar chegar a toda a sociedade, sen exclusión de ningún grupo de idade. E adiantámonos a recomendar unhas medidas básicas, como son bañarse sempre acompañado, non aloxarse da beira en espazos acuáticos naturais, mollarse suavemente antes de entrar na auga, evitar as comidas abundantes antes do baño, non bañarse se se sente moito frío ou cansazo e, sobre todo, se alguén ve xente en perigo debe chamar ó número de emerxencias, que é o 112”.

Exit mobile version