En todos os textos de Dereito comparado –xa sexan constitucións ou tratados de dereito internacional- se recolle expresamente o dereito á igualdade. Evidentemente a interpretación de dito termo achégase ao concepto de igualdade fronte a lei, o cal nunca tería a súa plasmación práctica nun concepto de “igualdade absoluta” ou “homoxeneización” senón no tratamento como iguais aos iguais e como desiguais aos desiguais.
Esta concepción, que puidera parecer contraditoria, ten por base a doutrina do filósofo grego Aristóteles; este defendía un concepto de xustiza que consiste en darlle a cada quen o que merecía de acordo coa súa posición social: aos escravos o que era dos escravos, ás mulleres o das mulleres, aos comerciantes o deles e aos homes aristócratas o poder.
Evidentemente a concepción aristotélica non atendía ao criterio de equidade, só establecía un sistema de castas, polo que tivo que ser reformulada moito máis tarde polo sociólogo alemán Jürgen Habermas. Éste afirmaba que dentro dun sistema democrático deliberativo os cidadáns son autónomos, gozan de dereitos políticos para elixir aos seus gobernantes, e séntense autores da lei, sendo ésta lexítima xa que se chegou a ela a través de argumentos igualitarios e sinceros. Nesta proxección contemporánea a lei postulase coma un contrato social.
Sen querer dar máis voltas e facer deste artigo un sesudo escrito sobre alta teoría filosófica/xurídica, chegamos ao art. 14 da CE que garante o dereito de todos os españois a un trato igualitario ante a lei. Dito dereito é unha translación do mesmo que se contempla nos distintos instrumentos internacionais.
Non sei se despois dunha fugaz revisión do citado dereito fundamental alguén e capaz de sacar algunha conclusión máis concreta, nítida e preclara deste concepto pero o que de seguro poderemos concluír é que o decreto ditado no municipio de Cannes, na veciña Francia, en contra do uso do “burkini” nas súas praias, é contrario e atenta contra o mesmo.
Cannes foi a primeira alcaldía en vetar a principios de agosto este bañador islámico e restrinxir o acceso ás praias e ó baño a todo aquel que “non respectara as boas costumes ou as reglas de hixiene e de seguridade.”
Os propios órganos xudiciais do estado, o Tribunal administrativo de Niza, acábanse de manifestar invalidando a prohibición, e a ONU está a requirir ao propio estado para que levante o veto nos restantes municipios.
De xeito simultáneo tivemos novas esta semana de que a Comisión Europea está a reclamar 13.000 millóns de euros á multinacional Apple en concepto de devolución dos beneficios fiscais, vía imposto de sociedades, que obtivo en Irlanda a marca da mazá durante os anos 2003 ao 2014. Bruselas determina que Apple pagou substancialmente menos impostos que outras empresas recibindo un trato selectivo o que lle outorgou unha vantaxe significativa.
Sen ánimo de establecer conclusión –cuestión que creo debe facer vd.- formulo as seguinte cuestión:
¿Qué dereito fundamental debera prevalecer, a igualdade ante a lei ou a liberdade?
Aí queda a pregunta, coma sempre opinións para todos os gustos.