Site icon Crónica3.com A Mariña

A biblioteca municipal de Foz anuncia a convocatoria de probas para as certificacións de galego niveis Celga 1, 2, 3 e 4

Foz, 18 de agosto de 2016. A biblioteca municipal de Foz anuncia a convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4.

“Hoxe saíu publicada a resolución do 11 de xullo de 2016 da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2016 (ED114A). As datas de realización das probas son: Celga 4: 5 de novembro de 2016; Celga 2: 6 de novembro de 2016; Celga 3: 12 de novembro de 2016; e Celga 1: 13 de novembro de 2016. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada. Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED114A, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web http://www.lingua.gal, que permite cubrir e editar a solicitude. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada será ata o 18 de setembro”, explican desde a biblioteca municipal de Foz.

Ademais engaden que “á solicitude xuntarase a seguinte documentación: copia cotexada do DNI ou NIE da persoa solicitante (non será necesario presentar o documento sempre que a persoa interesada autorice a Secretaría Xeral de Política Lingüística para que verifique os seus datos de identidade); xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame; contía das taxas de exame, que segundo o previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa para inscribirse nas probas Celga será de 15,61 euros. Os datos para cubrir o impreso son os seguintes: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Código: 07. Delegación de Servizos Centrais. Código: 13. Servizo de Secretaría Xeral de Política Lingüística. Código: 05. Denominación: inscrición nas probas Celga, homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e máis certificación do nivel correspondente, de ser o caso, cando se superan as probas. Código: 30 44 01. Para máis información: www.lingua.gal, na Biblioteca Pública Municipal, que ten o número de teléfono 982.140.645, ou ben biblioteca@concellodefoz.es”.

Exit mobile version