Este mércores 27 de xullo serán presentados en Foz e Ribadeo os Programas EMEGA E P.R.I.A.P.E. a cargo da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e da presidenta de MULLERES EN IGUALDADE BURELA, Mary Fraga Fernández, así como da coordinadora do programa P.R.I.A.P.E. de Mulleres En Igualdade Burela, María Dolores Cociña Cabanas.
Os actos están programados para as 12:30 horas no Centro Cenima de Foz e ás 18:00 horas no Hotel Cabazo de Ribadeo.
As presentacións están dirixidas a todas aquelas mulleres que desexen incorporarse ao mundo laboral ou emprender o seu propio negocio.
O PROGRAMA EMEGA, fai referencia á Resolución do 15 de xuño 2016 da Secretaría Xeral de Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria no ano 2016. A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, explicase en que consisten estas axudas, quen pode beneficiarse das mesmas e como acceder a elas.
O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización ao obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.
O PROGRAMA P.R.I.A.P.E., xa presentado por MULLERES EN IGUALDADE BURELA en varios Concellos con anterioridade, pretende a inclusión das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, no mundo laboral, mediante un itinerario específico de formación e profesionalizacion de forma individualizada, ao que poden acceder todas as mulleres que desexen formarse e/ou integrarse ao mercado laboral.
Desde MULLERES EN IGUALDADE BURELA animan a asistir a estas presentacións, a todas aquelas mulleres que queiran mellorar o seu futuro incorporándose ao mundo laboral ou emprendendo o seu propio negocio.