O festival de bandas está organizado pola asociación Amadores da Música e o seu presidente, Chema Suárez, anunciou hoxe que “xa están rematados os preparativos da XXII edición do Festival de Bandas de Ribadeo e este ano van actuar a de A Guarda, a de As Pontes e a propia Banda Municipal de Música de Ribadeo. Imos celebrar o concerto no parque de San Francisco o próximo sábado, día 30. Aínda que coincide co Trofeo Emma Cuervo variamos un pouco o horario; nós imos comezar as 19:30 horas cun pequeno pasarrúas e sobre as 20:00 horas estará tocando a primeira banda. Empezará a de As Pontes, seguida da de A Garda e rematará a de Ribadeo”.
Chema Suárez explicou que “a Banda de Ribadeo vai interpretar un pasodobre, unha banda sonora moi coñecida e a selección musical de temas é bastante interesante. Temos previsto que cada banda actúe durante media hora aproximadamente”.
O presidente de Amadores da Música rematou comentando: “esperamos ter xente a pesar de que coinciden varios actos en Ribadeo. Sempre neste Festival logramos reunir un grupo importante de persoas no público e contamos que este ano sexa igual. Coincidiu con outros eventos pero creemos que non vai interferir porque en Ribadeo a Banda ten o seu público, que é fiel e sempre nos acompaña, máis a xente que estea polo parque neses momentos”.
Concerto Día da Patria
Tamén no escenario instalado no parque de San Francisco a Banda Municipal de Música de Ribadeo ofreceu onte o seu tradicional concerto para celebrar o Día da Patria Galega, que reuniu a centos de persoas. Coa dirección de David Ballester Martínez interpretou pezas como Hallelujah, No lo olvido, Adios Nonino, Airiños Aires, A Freixa, O Chopo ou The Blues Factory. A actuación rematou co himno galego.