1ª proposta do Goberno da Deputación: que a Xunta de Galicia poña en marcha de xeito inmediato o servizo de Hemodinámica as 24 horas no HULA. Posteriormente, Deputación e Xunta financiarían ao 50% a dotación de 2 desfibriladores nos Concellos, un para os Consistorios e outro para instalacións municipais como pavillóns deportivos. O propio organismo provincial ten un no Pazo de San Marcos e outro no Pazo dos Deportes. Esta proposta do Goberno da Deputación foi formulada nunha emenda de substitución á moción do PP, que reclamaba á institución luguesa asumir na súa totalidade o financiamento dun só desfibrilador para cada municipio.
O PP opúxose a aceptar esta emenda, aínda que implicaba o mesmo orzamento por parte da Deputación, así como 1 desfibrilador máis para cada entidade local. Os populares fixérono amparándose en que “Hemodinámica as 24 horas non é unha necesidade na provincia, tal e como apuntan os propios profesionais”. O voceiro do Goberno replicou que “non hai ningún informe técnico que apunte que este servizo non é necesario. Despois de 7 anos nos que Feijóo se opuxo a dotar á provincia desta prestación, cando son milleiros os lucenses que a reclaman, só podemos supoñer que está esperando ás eleccións autonómicas para facelo porque, en caso contrario, só hai dúas opcións: que os comicios os gane outro partido, que dote ao HULA de Hemodinámica 24 horas de xeito inmediato; ou ben que esteamos outros 4 anos con máis mentiras do Partido Popular de Feijóo”.
Ante a negativa do PP a aceptar esta emenda de substitución polo feito de incorporar a reclamación de Hemodinámica 24H, o Goberno da Deputación fixo ao PP outra proposta.
2ª proposta do Goberno da Deputación: que Deputación e Xunta financiasen ao 50% a dotación dun desfibrilador en cada Concellos da provincia, así como a formación necesaria para o seu uso, tal como tamén propuxo o Deputado non adscrito. Tamén neste caso, o PP rexeitou esta iniciativa.
“Provincia cardiogarantista”
Finalmente, co apoio do Deputado non adscrito, a moción dos populares, sen ningunha das aportación do Goberno do PSOE, foi aprobada con 13 votos. Os Deputados socialistas votaron en contra tras anunciar e aclarar, previamente, que “nós vamos a dotar aos Concellos de desfibriladores con ou sen colaboración da Xunta. Propuxemos ao Executivo autonómico financiar con 100.000 euros a posta en marcha de Hemodinámica 24H na provincia porque vostedes mesmo nos dixeron que era un problema económico. Nós defendemos unha provincia cardiogarantista para a que é imprescindible a implicación do SERGAS da Xunta. Queremos que un veciño, por exemplo de Cervantes ou da Fonsagrada, poda ser atendido no seu Concello cun desfibrilador e unha hora despois no HULA nun servizo de Hemodinámica as 24H, e non tres horas despois na Coruña”.
POS 2016
O Pleno aprobou por unanimidade a listaxe de obras do POS presentada polo Goberno da Deputación. Contan cun orzamento de 5.563.736 euros, financiados nun 80% polo organismo provincial (4.477.977 euros) e nun 20% polos Concellos (1.085.759 euros). Son 87 actuacións nos 67 Concellos da provincia: 84 municipais e 3 provinciais. As obras municipais están dotadas de 4.763.737 euros, financiados nun 82% pola Deputación (3.677.977 euros), pois o Presidente, Darío Campos Conde, decidiu triplicar a achega provincial a esta programación en beneficio dos municipios. Cómpre lembrar que 13 Deputados aprobaron no Pleno só duplicala. As 3 obras provinciais, que contan con 800.000 da Deputación, levaranse a cabo en vías de Abadín, Friol e Pantón.
Lingua de Signos e colaboración con ASORLU
O Goberno da Deputación adiantou durante a sesión plenaria que está a traballar coa Asociación de Sordos de Lugo (ASORLU) para incrementarlles o número de intérpretes da lingua de signos. O plantexamento que xa lles trasladou o Executivo do PSOE foi aumentar estes profesionais para que presten servizo, ademais de aos asociados, na propia Deputación, retransmitindo os Plenos Provinciais, entre outras colaboracións. Así o anunciou o Deputado de Cooperación, Emprego, Benestar e Igualdade durante o debate da moción do Grupo Provincial Socialista para instar á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a inclusión da Lingua de Signos na educación obrigatoria. Esta proposta do PSOE foi aprobada por unanimidade.