Site icon Crónica3.com A Mariña

O Foro do Camiño denuncia no ICOMOS as obras de turismo nos Camiños de Santiago Norte e Primitivo

Lugo, a 27 de xullo de 2016.- O FORO DO CAMIÑO, conformado por 30 organizacións defensoras dos Camiños de Santiago, vén de enviar un informe ao Comité Nacional Español do ICOMOS para denunciar as obras que a Axencia de Turismo de Galicia está a promover nos Camiños Norte e Primitivo de Santiago. Aínda que van disfrazadas baixo eufemismos como “acondicionamento, recuperación e mellora” das vías medievais, as obras, que xa alteraron 12 quilómetros da traza histórica nunha primeira fase e que se pretenden continuar ao longo de toda a senda durante os vindeiros meses, atentan contra a fisonomía tradicional dos vellos camiños históricos de peregrinación, que acolle tanto o contido físico e tanxible dos Camiños, como o seu carácter espiritual, simbólico, histórico e cultural.

As obras que o pasado 13 de xullo a Axencia de Turismo sacou a concurso en conivencia coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural prevén a realización de explanadas, novos firmes, apertura de cunetas e taxeas, estabilización con zahorra e cemento, alteración do nivel de rasante do chan, retirada de pedras de muros laterais e da vexetación das marxes, consolidación de treitos alternativos, etc. Este modelo de obra pública propón a construción de sendeiros “ex novo” con maquinaria pesada que desnaturalizan, transforman, desvinculan do seu contexto as vías históricas e urbanizan os espazos rurais tradicionais, mesmo favorecendo o paso de vehículos a motor, cun único obxectivo mercantilista e de promoción turística. A isto hai que engadirlle a incorporación dunha profusa sinalización que incrementará o nivel de intervención urbanizadora sobre os itinerarios xacobeos.

Este tipo de actuacións desprezan o valor histórico, cultural, patrimonial e simbólico que constitúen en si mesmas as trazas físicas dos Camiños Norte e Primitivo e vulneran a Lei 3/1996, de protección dos camiños de Santiago, na que se definen estas vías como bens de carácter cultural asociadas a un territorio histórico, e non como camiños funcionais de tránsito ou de mercadeo turístico-comercial. Ademais, as obras que se pretende executar pola Axencia de Turismo están a contrariar os criterios determinados por ICOMOS-España para a preservación da integridade e do valor cultural e de significación espiritual dos Camiños de Santiago como bens Patrimonio da Humanidade. En 2007 esta entidade internacional emitía un informe para a UNESCO onde determinaba o enfoque que as administracións públicas (incluída a Xunta) deberían adoptar para perservar o carácter dos camiños históricos de peregrinaxe: “Este Itinerario Cultural de significado universal, como ha sido reconocido por la UNESCO, tiene una especial relevancia para Galicia, donde se encuentra su razón de ser (…). Y como tal, sus autoridades deberían procurar con el mayor esmero la pervivencia de su trazado físico, así como la de los bienes asociados a su existencia (…). Tanto los valores patrimoniales tangibles, es decir, el propio camino físico y los demás bienes muebles e inmuebles que lo conforman, como los intangibles o espirituales, son parte substantiva del Camino de Santiago que deben protegerse y conservarse en toda su autenticidad e integridad si queremos salvaguardar y transmitir la esencia y el significado del Camino…”.

É por iso que o FORO DO CAMIÑO insta a ICOMOS-España a que apele á responsabiliade da Xunta de Galicia na conservación e protección da esencia da camiñería histórica, que evite a execución das obras pretendidas por Turismo e que informe á UNESCO do que está a suceder nestas dúas rutas Patrimonio da Humanidade.

A VERDADEIRA RECUPERACIÓN DOS CAMIÑOS INEXISTENTE
Pese á nomenclatura destes proxectos, a Xunta de Galicia non está a dotar un só céntimo para a verdadeira recuperación dos itinerarios tradicionais de peregrinaxe e do seu territorio histórico, como así lle obriga a lexislación galega dos Camiños de Santiago. Nas dúas delimitacións oficiais das vías Primitiva e Norte aprobadas pola Consellaría de Cultura consolidáronse todas cantas alteracións e deturpacións das trazas orixinais se foron acumulando ao longo dos últimos 20 anos, como mostra da nula vontade da administración galega de promover accións de recuperación e posta en valor dos treitos usurpados, desviados, cortados, alterados ou modificados en aras do beneficio particular ou turístico-comercial.

Consideramos especialmente grave que o goberno galego, a través da Axencia de Turismo, intente reforzar a sinalización e consolidar treitos de Camiño definidos “á carta” por concellos e comerciantes, cando aínda está “sub judice” a delimitación oficial, nomeadamente do Camiño Primitivo. Lembramos que esta delimitación foi recorrida contra a Consellaría de Cultura ante Tribunal Superior de Xustiza de Galicia polo FORO DO CAMIÑO, entre outras razóns, por falseamento do itinerario histórico, falta de rigor na demarcación e desprotección do territorio asociado.

TURISMO APODÉRASE DO CAMIÑO E PATRIMONIO DESENTÉNDESE
Desde o FORO DO CAMIÑO consideramos que nos últimos tempos se está a producir unha auténtica involución na protección e preservación dos Camiños de Santiago perpetrada pola Xunta de Galicia. A parte de aprobar demarcacións oficiais dos camiños que violan a autenticidade da traza histórica e de promover obras e actuacións que nada teñen que ver coa recuperación das vías de peregrinaxe; de xeito enmascarado, está a derivar cara a Axencia de Turismo de Galicia todas as competencias sobre a protección e posta en valor dos Camiños de Santiago que por lei lle corresponen á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Consellaría de Cultura.

Proba deste sibilino transvase de competencias é que se encomendou á Axencia de Turismo de Galicia elaborar o Plan Director e o Plan Estratéxico dos Camiños de Santiago. Estes planeamentos determinarán cal vai ser o modelo de Camiño que se quere en Galicia ata 2021, así como todas aquelas actuacións que se deriven cara a este propósito. Chama poderosamente a atención que o principal criterio que a Xunta esixe para poder concursar na elaboración dos devanditos planeamentos sexa o de ter coñecementos en promoción turística, obviando competencias en materia cultural, arqueolóxica, histórica, etc.

Planificar o Camiño baixo un enfoque unicamente turístico e comercial é unha visión mediocre e miope da Administración autonómica que pon en risco a esencia mesma das vías de peregrinaxe e compromete a supervivencia do seu carácter cultural e historicista e como patrimonio común. Baixo estes desacertado enfoque, estase a promocionar ademais un modelo de peregrino que concibe o Camiño como unha proba deportiva, desapegado de todo interese no patrimonio e na tradición do territorio galego e indiferente aos valores tradicionais e culturais ligados ás vías romanas e medievais. De seguir así, é probable que os Camiños de Santiago acaben perdendo a súa razón de ser e, a medio-longo prazo, morrendo de “éxito”.

Exit mobile version