José Ramón Soto explicou que “con motivo do festival Gadélica 2016, que se celebrará do 29 o 31 de xullo no entorno das Reais Fabricas de Sargadelos, o Concello de Cervo, a través da Delegación de Seguridade Cidadá, pon en marcha un dispositivo especial, coa prioridade de velar pola seguridade das persoas e intentar evitar posibles riscos. Comezará o xoves ás 24.00 horas e permanecerá activo ata o domingo ás 16.00. Contarase co servizo de extinción de incendios, salvamento e protección civil do Concello de Cervo”.
O edil de Seguridade Cidadá engadiu que “o acceso á zona de Sargadelos, onde se celebrará o festival Gadélica quedará cortado o tráfico rodado, a excepción dos asistentes á zona de acampada. A circulación cortarase á altura da Casa da Administración, na estrada LU-1505, desviándose a mesma polo núcleo de Sargadelos con dirección a O Vilar; e igualmente quedará pechado ó tráfico o acceso ó conxunto histórico dende San Román, na estrada LU-1505, desviándose nas inmediacións do campo de fútbol de Cervo en dirección á Senra, pola estrada LU-1509. Dado o entorno onde se celebra o festival o Concello dispoñerá dun vehículo de extinción de incendios forestais e outro urbano, así como un centro de primeiros auxilios co persoal do GES de Cervo e tamén as brigadas forestais que ten contratadas o Concello”.
Soto rematou comentando que “con estas medidas o Concello de Cervo pretende como prioridade velar pola seguridade das persoas, do medio ambiente e do rico patrimonio do entorno. E aproveitamos para pedir desculpas por adiantado ós veciños polas molestias que se lles poida causar, pregando a colaboración de toda a cidadanía para que a festa sexa un éxito sen incidentes”.