Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG posicionarase en contra da compra do edificio da Cámara de Comercio por parte da Deputación

Lugo, 1 de xullo 2016. Os organismos do BNG nas tres comarcas nas que se divide a provincia de Lugo, a efectos de organización da formación nacionalista, avaliaron necesario manter a posición contraria á proposta de que a Deputación adquira o edificio da Cámara de Comercio situado na Av. de Ramón Ferreiro na cidade de Lugo. O BNG xa advertira que esta sería a súa postura no momento no que Elena Candia, naquel momento presidenta da Deputación propuxera esta posibilidade no pasado verán, aínda que, curiosamente, naquel momento falara de 2,5 millóns de euros.

Xosé Fereiro manifestou que “unha institución pública non pode gastar un 1 millón de euros na compra e outro tanto máis na remodelación, nun edificio cando na cidade existen edificios públicos baleiros ou outros cunha necesidade urxente de restauración, como poden ser o pavillóns do Fogar de Santa María ou o Cuartel de San Fernando, entre outros”. Estes edificios unha vez restaurados cumprirían sobradamente os requisitos para albergar o Servizo de Recadación da Deputación, argumento usado para xustificar esta compra.

Esta situación é aínda máis evidente, se cabe, cando o BNG votou en contra da cesión ou regalo que a propia Deputación fixo hai moi pouco tempo do Hospital de San José a unha entidade privada, aínda que cunha labor moi loábel. Ese edificio moi ben podería albergar o citado servizo de recadación, así como desempeñar outras funcións tamén necesarias socialmente.

Esta posibilidade de compra do edificio da Cámara de Comercio, que agora propón o PSOE, foi proposta polo PP nos meses que estivo á fronte da Deputación e “naquel momento xa manifestamos a nosa total oposición a esta operación e, como non pode ser doutro xeito, imos manter a nosa postura”, di o portavoz nacionalista. “As posturas políticas do BNG son sempre coherentes, non cambiando segundo esteamos no goberno ou na oposición”, recalcou. De feito, esta postura rotunda “xa lle foi comunicada ao Presidente da Deputación cando aínda estábamos no goberno”, insistiron Ferreiro.

Para o BNG a compra deste edificio é un claro intento de sanear as contas dunha entidade privada con fondos públicos. “A nós non nos encontrarán apoiando operacións deste tipo porque sabemos que as necesidades das persoas non son estas e as institucións públicas non teñen que estar aos servizo das organizacións empresariais para sanearlles as contas cando quebran ou non teñen os beneficios necesarios debido ao saqueo ás que a someteron”, aseverou Xosé Ferreiro.

Dende o BNG tamén manifestan que esta operación proposta polo PP e apoiada en principio polo PSOE é outro chazo máis nesta campo de probas que están a converter a Lugo para experimentar a “gran coalición”, neste caso para protexer e beneficiar ás elites económicas que saquearon a Cámara de Comercio de Lugo durante os últimos anos. En todo caso, o BNG nunca vai participara neste tipo de “escuras” operacións.

Exit mobile version