Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela ofrécese para “resolver problemas” sobre a trifulca nas festas de San Martiño

Burela, 26 de xullo de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, cualifica de irresponsables, infantís e provocadoras as acusacións realizadas polo rexedor de Foz nas que apunta a unha pandilla de Burela como protagonista dunha trifulca ocorrida nas festas de San Martiño. Llano asegura que non quere ocasionar polémicas e enfrontamentos entre os veciños de Foz e os de Burela, pero considera que as palabras de Javier Castiñeira foron pouco prudentes e nada elegantes. E ofrécese para colaborar en todo o que sexa necesario “para resolver problemas”.

O rexedor comentou: “o primeiro que teño que dicir é que non quero promover nin motivar ningunha polémica entre os veciños de Foz e os de Burela. Eu quero facer fincapé e referirme ás declaracións efectuadas polo señor alcalde de Foz con respecto á última edición da festa de San Martiño. Non me parecen as formas, nin moitos menos, nin son educadas, nin son formais, nin son oportunas manifestar desde as páxinas dos xornais unha serie de acusacións nas que atribúe a unha serie de persoas, que convivan ou non en Burela, a autoría dunha pelexa ocorrido neste festexo”.

Para Alfredo Llano trátase dunhas manifestacións realizadas de xeito “irresponsable, infantil e provocador. Aí nesas palabras vese que insinúa que hai que ter coidado cunha serie de colectivos de aquí de Burela, que o Concello, a Subdelegación do Goberno e as forzas de seguridade se deben implicar e pasan a responsabilidade absoluta ao resto da xente. Da a impresión de que eles non asumen ningún tipo de responsabilidade, senón que culpan dun xeito tan irresponsable a todo esta xente. Non é nin moito menos como conta esta historia o alcalde de Foz. Si así pretende darlle máis valor á festa e aos veciños de Foz penso que se está a equivocar ao cen por cen”.

O alcalde de Burela considera que “da a impresión de que non sabe do que fala, senón que alguén lle contou algo sobre o acontecido e sobre iso fai as súas declaracións. Teño que dicir que en principio estou en contacto coa Garda Civil e con testemuñas que estiveron na festa en San Martiño e na pelexa que, ao parecer foi máis contundente, radical e desenfrenada, había algunha xente de Burela, pero o que non había era caboverdianos. Que digan que alí había moita seguridade e que despois traten de esquivar responsabilidades pasándolles as culpas a outros paréceme que é unha forma moi pouco prudente de actuar e nada elegante e di moito en contra deles, que deberían facer autocrítica de por qué suceden estas pelexas unha edición si e outra tamén”.

Llano engadiu que “ata onde eu sei a xente de Burela que puido participar nesa trifulca non tivo nada que ver de xeito voluntario, non foron os que iniciaron a pelexa e foron os que levaron a peor parte, porque hai unha persoa hospitalizada e hai outros que foron dados de alta hai pouco”.

Para o rexedor burelés o que hai que facer cando se producen este tipo de feitos “como fixemos aquí en Burela hai uns meses cunha pelexa na que ían participar xente da zona da Mariña, da Terra Chá, de Chantada, etc… o que fixemos foi resolver o problema desde aquí cos medios ao noso alcance e sen culpar aos que viñeron de fora a pelexarse aquí a Burela. Non andivemos argumentando, nin buscando culpables, senón que sinxelamente tratamos de actuar desde as nosas responsabilidades tentando resolver o problema, que é do que se trata. Aquí non se trata de botar balóns fora e botarlle as culpas a outros. Iso paréceme dunha irresponsabilidade absoluta. Así non vamos ben encamiñados”.

Alfredo Llano insistiu en que “hai que buscar a maneira de evitar estes problemas, buscar onde está o foco. A organización ten que ser a responsable de que alí non suceda absolutamente nada e procurar evitar enfrontamentos de calquera tipo. E que conten con nosoutros para todo o que sexa resolver problemas, o que non podemos facer é balóns fora e sen estar ben documentado e prexudicando a convivencia entre os dous concellos. Non podemos facer iso señor alcalde de Foz, nin sequera falou comigo, nin se interesou polos problemas que puido haber, nin pola xente que era. Que non me veña dicindo que a responsabilidade tamén é do Concello de Burela. Eles como organizadores deben preocuparse de que as cousas salgan ben, menos balóns fora e máis responsabilidade e menos buscar confrontacións que para nada están xustificadas”.

Exit mobile version