Site icon Crónica3.com A Mariña

Montoro nas lonxas de Burela e Celeiro, Leo Messi e o rei do lixo.

Ao traxín habitual do traballo, ao ir e vir de xente, do peixe, ao bulir de camións e chimpíns que cargan e descargan, o pasado xoves día 22 engadiuse a visita subrepticia e repentina dos inspectores de facenda nas lonxas de Burela e Celeiro.

Escoltados pola Benemérita os citados axentes persoáronse nas instalacións de sendos lugares de traballo co obxecto de recabar toda a información comercial das transaccións efectuadas nos últimos catro anos.
Non fai falla ser un experto na materia para coñecer que ese lapso –o de catro anos- constitúe o prazo de prescrición dunha eventual infracción fiscal. Tampouco cumpre ser un erudito para entender que si se efectúa tal labor inspectora é porque a Axencia Tributaria presume a posible concorrencia de irregularidades –é dicir, a existencia de “peixe negro”-.

Segundo afirmacións dos propios implicados, os rexistros tiveron lugar a primeira hora da mañá e prolongáronse ata o mediodía desenrolándose con absoluta normalidade –chama a atención o uso desta expresión ¿Qué se agardaba? ¿a negativa a colaborar coa AEAT? ¿a reacción desairada dalgún armador tirando ao inspector pola borda?..-

O estado, construción poliédrica de moitas caras, representado neste caso na da AEAT, segue a actuar como institución que monopoliza o poder coercitivo, en teoría, baixo a lexitimidade popular e en beneficio do interese colectivo.

E digo en teoría porque asemella que no caso das lonxas non houbo hashtag de apoio como no caso do futbolista arxentino Lionel Messi, o astro culé protagonizou unha campaña de apoio nas redes sociais despois de ser condenado mediante sentenza xudicial pola comisión dun delito contra o erario público.

Á hora de poñer argumentos que poidan facer que o lector gañe máis sensibilidade nun senso ou noutro tan só dicir que segundo datos deste propio ano o sector pesqueiro da Mariña xerou beneficios por un monto de 600 millóns de euros, e a súa influencia non se circunscribe ao eido da comarca dado que a distribución e consumo ten lugar fora dela; sería sensato pensar que o tan reclamado sentimento de solidariedade tivera lugar cos nosos mariñeiros e armadores, coas nosas redeiras e chaboleiras.

En calquera caso, os responsables de Portos de Celeiro e Armadores de Burela amosaban, na literalidade das súas propias verbas, “tranquilidade absoluta”, dun xeito ou doutro trátase tan só dun proceso investigador.

E xa postos a suxerir, este humilde narrador, aconsellaría ao séquito de Montoro que se incentivase o control e inspección sobre a finanzación de partidos políticos; sen ir máis lonxe esta mesma semana gozamos da presencia do empresario catalán de recollida de residuos Gustavo Buesa, tamén coñecido como o rei do lixo. Nun alarde de filantropía digno de encomio doou 500.000 € á campaña de CDC e 100.000 á de Unió no que el mesmo interpretaba coma unha conduta absolutamente axustada á normalidade.

Dicían que David Chase, produtor da exitosa serie Os Soprano, pretendía desmitificar o glamour dos gángsters de Coppola, ben vestidos, ben falados e sofisticados en canto ás súas formas. Non sei a vostedes, pero un servidor pensa, por momentos, estar a vivir no medio dun capítulo da serie ambientada en New Jersey…

Exit mobile version