Don Francisco de Cora e Miranda, escribano de Mondoñedo, funda unha escola de primeiras letras en Vilarmea, e construe unha casa e un lagar para viño pois non había nengún, cando chegara a haber cinco lagares. Entón o viño era importante na alimentación das persoas e tiñan que sair a buscalo a considerable distancia, co risco de perderse e malearse polas choivas; é intención deste señor – di a fundación- que subsista o lagar co fin de que poda servir ó ben común da poboación do lugar.
Nacía así a coñecida como “Obra Pía de Fazouro” que desenvolveo o seu labor perante mais de dous séculos, ata non hai moitos anos.
24.3.1836 :
Por Real Orde a raíña ordea ós Gobernadores Civís e Deputacións que os concellos se compoñan de tantos alcaldes pedáneos como parroquias o formen, garantindo así que non quede parroquia sen representante na Corporación. Aparecen tres novos concellos: FOZ, coas parroquias de Santiago de Foz, San Martiño, Santa Cilla e San Acisclo; VILARONTE, con só esa parroquia; NOIS que o forman Cangas, Cordido, Fazouro, Moucide e San Xulián.
A vida destes concellos é moi breve pois catro anos mais tarde, en1840, en nova distribución territorial, pasa Foz a ser concello único.
26.03.1908:
A Corporación Municipal envía Saúda a Fomento agradecendo a aprobación da obra do ferrocarril Ferrol-Gijón que se consideraba decisivo para o futuro desenvolvemento da bisbarra. Pasarían sesenta anos para que o tren chegara á estación da Corredoira.
30.03.36 :
Co triunfo do Frente Popular nas eleccións daquel ano fórmase a nova Corporación Municipal, resultando alcalde Francisco Fuente (Paco de Santa Cilla); primeiro tenente de alcalde, Francisco Fernández López (Francisco do Taller); Benigno Beltrán (da Calzona) e Xosé Rodriguez Vázquez. Ó estalar a guerra civil, catro meses mais tarde, serían destituídos dos cargos polas autoridades franquistas.
26.03.69
A Corporación acorda contratar os servicios de Emilio Oroza (Poroto) como encargado da conservación dos xardíns. O traballo consistiría no coidado e plantación de árboles e plantas, reposición, poda e cantas labores desa índole sexan precisas; así como a formación e atencións ós viveiros de plantas e arbustos. Percibiría a paga de 12.000 Pts. anuais.
Suso Fernández