Ribadeo, 26 de xullo de 2016. Na Oficina de Turismo de Ribadeo xa se levan entregadas máis de 1.000 credenciais do viaxeiro no que vai deste mes de xullo, segundo os datos que deu a coñecer a edil Ana Martínez. Dende que se puxo en marcha esta iniciativa no 2012 xa foron 6.000 as credenciais dispensadas.
A concelleira de Turismo salientou que “tomando diversas iniciativas que imos promovendo dende o Concello de Ribadeo para posicionarnos nese turismo de calidade e sostible, gustaríame enmarcar unha cuestión que hai anos arrancamos que foi a credencial do viaxeiro ribadense na que buscamos tamén que os viaxeiros que cheguen á praia de As Catedrais non soamente se queden naquela contorna, senón que fagan ese percorrido pola nosa costa e se acheguen cara a Ribadeo visitando diversos puntos”.
Ana Martínez subliñou que “así poden levar un recordo, esa acuarela feita por un artista local na que levan un agasallo ben bonito e que está numerada. Estamos preto de chegar ás 6.000 e mesmo este mes de xullo foi espectacular porque superamos as 1.000 credenciais entregadas”.
A edil nacionalista anunciou que “incluso vimos de recibir unha solicitude dende Bolliwood, dende o cine hindú, para vir a gravar á praia de As Catedrais, un pequeno videoclip que se integra nunha película. Non é Hollywood, pero é Bollywood, e creo que o número de persoas que poidan ver esta película é impresionante, e aí están interesándose de novo pola praia de As Catedrais, por Ribadeo, e esperando a que tamén desde a Xunta lles dean a autorización administrativa para poder estar gravando aí este mes de agosto, e se é o caso aí estará Ribadeo en Bollywood”.