Lugo, 1 de xullo de 2016.- A portavoz do Grupo Provincial do PP de Lugo, Elena Candia, afirma que “o seu partido foi a voz dos concellos da provincia e conseguiu un incremento de 2,7 millóns de euros para o Plan de Obras e Servizos para o ano 2016”. “Puxemos aos alcaldes e aos veciños e veciñas desta provincia por enriba de calquera tipo de interese e iso foi o que nos permitiu ter un acordo satisfactorio que ademais está garantido para os vindeiros catro anos”.
Amais de acordar a aprobación dos Presupostos o pasado luns, as xestións feitas polos PP posibilitaron tamén que a contía destinada ao POS mellore de xeito significativo ao pasar dos 3.010.365 euros aos 5.710.365 euros, isto é, un 89,69% máis de recursos que no ano 2015.
Tamén varía a achega que os concellos teñen que facer para sufragar as obras municipais. Se antes achegaban o 50% do importe total, a partir de agora esa contía redúcese ao 25%, co consecuente aforro para os municipios. “Perseguimos, explica Candia, que primen uns criterios obxectivos e equitativos”. De feito, os criterios a ter en conta seguen a ser a poboación, a superficie, as entidades de poboación e o esforzo fiscal dos respectivos concellos.
Os populares traballaron nesta proposta de POS mellorada para dotar aos concellos das infraestruturas adecuadas, para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, para facer a habitabilidade máis atractiva e, sobre todo, para evitar a despoboación dos núcleos rurais.
“É fundamental reequilibrar aos concellos, desenvolver os de menor capacidade económica e obter os maiores beneficios sociais e económicos derivados das inversións públicas”, precisa a voceira.
Prazos para os concellos
Os Concellos teñen un prazo de dez días hábiles tras a publicación dos Orzamentos no BOP, é dicir, ata o día 12 de xullo, para a presentación das solicitudes de inclusión das obras e servizos.
Un 32,16% máis para o SAF
Ao longo da negociación o Grupo Provincial do PP fixo súas as demandas achegadas nos últimos anos polos alcaldes da provincia, así por exemplo tamén conseguiu ampliar os investimentos destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxo presuposto sobe un 32,16%, ata alcanzar os 1,5 millóns de euros. A partir de agora vanse aplicar como baremos para o cálculo do reparto os mesmos que para o POS e substituíndo a variable do esforzo fiscal pola do envellecemento da poboación.