Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebrará o seu desfile de entroido en 2017 o domingo, e o luns será festivo local.

Burela, 27 de xullo de 2016. En Burela serán festivos o luns de Entroido e o luns das festas patronais. Esa é a proposta que o equipo de goberno leva ao pleno ordinario que se celebra este xoves. O alcalde, Alfredo Llano, explica que “imos cambiar o festivo nos carnavais. En Burela será festa o luns de Entroido, en lugar do martes, e teremos o noso desfile de carnaval o domingo. Pensamos que deste xeito lle daremos un impulso ao Entroido en Burela e ademais atendemos unha petición que nos realizaron desde a Acia local. Así teremos unha ponte para poder gozar desta festividade”. Na orde do día do pleno tamén figura “facilitar a canalización de gas natural nunha zona próxima ao cemiterio de A Puída”.

Á rescisión do contrato a Celtaprix, a empresa concesionaria do servizo de limpeza en Burela, tamén se referiu o rexedor: “como agora esta firma está en concurso de acredores imos rescindir o contrato e hai que facer a valoración correspondente para xustificar aquilo que consideramos que é de xustiza para o Concello de Burela. Desde o ano 2002 ao 2016 houbo unha serie de compromisos que se deberían ter feito, de tal maneira que se fixo un estudo para saber a qué partes se deu cumprimento e cales quedaron pendentes”. Alfredo Llano contou que “este estudo solicitóuselle a unha empresa para que realizada unha valoración obxectiva e concluíu que CeltaPrix lle adebeda ao Concello case un millón de euros. Nun dos compromisos máis importantes e polo cal o noso Concello solicita esa cantidade, que consideramos que nos corresponde, está baseado en que ían construír unha nave para gardar o material da empresa. Celtaprix gañou no momento ese concurso debido ao compromiso de construción desa nave, que nunca se chegou a construír, e entón a iso hai que darlle un valor económico anual polo cal non se construíu. E o Concello tivo que pagar por un servizo que non se fixo.

No informe realizado por unha consultora dise que “todo isto é demostrable” e subliñou que “eu entendo que o alcalde e a Corporación Municipal deben estar a favor dos intereses do Concello de Burela, entón imos reclamar esa cantidade. E hoxe o señor Barcia saca unha nota de prensa poñendo en dúbida que estea ben feito este estudo para reclamar unha ou outra cantidade. Eu tiven unha xuntanza co xefe de Celtaprix, co xefe da empresa, e argumentou exactamente o mesmo que di o señor Barcia. Isto implica que o señor Barcia está máis a favor de defender á empresa que de defender os intereses dos veciños e do Concello de Burela e iso vai ter que explicalo claramente. Debería tratar de beneficiar aos veciños e ás veciñas de Burela, o que non é de recibo é que estea argumentando o mesmo que a persoa interesada en que iso non vaia para adiante”.

O rexedor burelés engadiu que “a consultora afirma que a empresa tiña que facer unha nave que nunca fixo. Trátase dun estudo serio, contrastado e ben argumentando, que reflicte a realidade do servizo que Celtaprix prestou no Concello. Consideramos de xustiza pedir esta cantidade. Non sei si o proceso se prolongará ou non, pero imos solicitar o que consideramos que se adebeda ao Concello de Burela. Agora, iso si, tamén quedo preocupado lendo a nota do PP, e vendo a coincidencia absoluta entre o PP e Celtaprix. O señor Barcia terá que explicar por qué razón se pon ao lado da empresa, en lugar de estar cos veciños e co Concello de Burela. Iso terá que explicalo e aclaralo. Son preocupantes as manifestacións que está a realizar”.

Exit mobile version