Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financia a contratación de 85 socorristas na comarca da Mariña

bandeira-socorristas-fozLugo, 1 de xullo de 2016.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, facilitará a contratación de 85 socorristas en 16 concellos da comarca da Mariña durante este verán, segundo explicou a delegada territorial, Raquel Arias, durante o encontro que mantivo hoxe, na praia da Rapadoira, cos profesionais que prestarán servizo no Concello de Foz.

Arias explicou que a Xunta propicia en conxunto a contratación de 112 efectivos que velarán durante o verán pola seguridade nas praias e piscinas dos 38 concellos da provincia que solicitaron este servizo.

A delegada participou, xunto co alcalde Javier Jorge Castiñeira, no izado da bandeira azul neste areal co distintivo de 30 anos. “O caso da Rapadoira é un caso único na Mariña posto que durante tres décadas ondeou sen interrupción a bandeira azul”, dixo Arias, quen desexou que continúe así no futuro e animou a que “todos poñamos o noso gran de area para logralo”.

Neste senso, a delegada da Xunta puxo en valor que Foz conte con seis das 22 praias da Mariña que teñen este distintivo, que recoñece a excelente calidade da auga, uns servizos axeitados e unha xestión ambiental sustentable.

No que atinxe ao investimento en axudas para a contratación de persoal de socorrismo, este supera os 335.000 euros, cifra algo superior á dedicada o pasado exercicio. Tamén se incrementou en cinco o número do concellos beneficiarios e en sete o de socorristas.

Segundo explicou Arias, “as axudas da Xunta de Galicia permiten aos municipios da costa contar con persoal suficiente para a vixilancia das praias durante os meses de tempada alta, pero tamén benefician a municipios do interior que contratan persoal de salvamento para atender as piscinas e as praias fluviais”.

Explicou así mesmo que neste intre algúns concellos non cubriron a totalidade das prazas ofertadas por cuestións administrativas ou por dificultades para contar con persoal debidamente cualificado. En calquera caso, segundo recalcou, dende a Xunta estase a autorizar o aprazamento do prazo para formalizar a contratación dos socorristas en aras “de colaborar e facilitarlle todo o posible a tramitación necesaria aos concellos e de asegurar a seguridade nas zonas de baño”.

Así, no conxunto da provincia e durante os meses de verán, 77 socorristas encargaranse de garantir a seguridade no litoral, 29 en piscinas e 6 en praias fluviais.

No que respecta á comarca da Mariña, exercerán labores de salvamento 85 socorristas, cinco deles en piscinas.

Estas axudas para a contratación de persoal de emerxencia enmárcanse na liña de cooperación administrativa entre a Xunta de Galicia e as administracións locais. Así, a consellería sufraga a totalidade dos custos laborais dos socorristas durante os meses de xullo e agosto, mentres que os concellos realizan as xestións de selección de persoal e contratación.

Exit mobile version