Ribadeo (Lugo), 27 de xullo de 2016. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu este mércores á apertura da subministración de gas natural no municipio lucense de Ribadeo. A posta en marcha deste novo servizo contribúe a mellorar a calidade de vida das familias, ao tempo que incrementa a competitividade das pequenas e medianas empresas e supón un beneficio para o medio ambiente ao tratarse dun recurso enerxético menos contaminante.
Conde destacou que a chegada do gas natural a Ribadeo supón ofrecer máis benestar aos cidadáns e mellores expectativas de futuro ao tecido empresarial. De feito, a través deste novo servizo, que conta cunha inversión de 4,5 millóns de euros por parte de Gas Natural Galicia, permite chegar a máis de 3.000 fogares, industrias e comercios deste municipio lucense, converténdose no quinto concello da Mariña que dispón de esta subministración e o segundo que se conecta a través do gasoduto, unha infraestrutura clave para a industria da comarca e que permitirá o acceso ao gas natural a 55.000 potenciais beneficiarios domésticos.
A previsión é que o gas natural chegue a máis do 80% da poboación galega a finais desta década. No caso concreto da provincia de Lugo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria lembra que o Plan de Gasificación de Gas Natural permitiu en 2015 ampliar a rede de distribución en máis de 110 quilómetros e incorporar máis de 1.000 novos puntos de subministración.
Deste xeito, a provincia lucense conta con máis de 460 quilómetros de rede e preto de 21.000 puntos de subministración en 8 localidades, entre as que se encontra Ribadeo.