Organización do evento “Por un mundo sen muros”. Ante a nova aparecida no seu medio este martes, no que se asegura que o vindeiro 11 de xuño se celebra unha xornada “pola situación en Siria organizada polo Concello de Burela”, nos gustaría facer unha aclaración:
Durante o mes de abril e a raíz da recollida de material para as persoas refuxiadas organizada pola tenda ecolóxica ArGaia (que puxo este mércores en camiño o primero envío de material recollido no seu local), un grupo de cidadás decidimos organizar un evento de carácter lúdico que potenciase dita recollida e que de paso servise para concienciarnos do que está acontecendo con esas persoas, coñecendo un pouco mellor a súa situación da man dunha persoa que estivo de voluntaria nos campamentos.
Coma o obxectivo era facelo canto máis público e accesible mellor, decidimos poñernos en contacto co Concello para solicitar o uso dos espazos públicos precisos para levar a cabo o evento, que quedaron reservados ao nome dunha asociación que se prestou para facer a reserva.
A concellería de Inmigración trasladounos todo o seu apoio e nos ofreceu a súa axuda, que consistiu en poñerse en contacto con algún grupo da localidade, imprimir 15 copias do cartaz que se lle enviou e facilitar casetas para o mercadiño solidario, cousa que agradecemos de corazón, pero que consideramos que dista moito de organizar en sí un evento que, repetimos, sae de cidadáns que queren apoiar a outras persoas, sen siglas nin institucións por detráis e que conta con moitas máis colaboracións que a do Concello en sí.
Así pois, invitamos a toda a cidadanía a achegarse o próximo sábado á praza da Mariña, en Burela, onde viviremos unha xornada repleta de solidaridade, comunidade e cooperación, onde persoas anónimas nos xuntaremos para apoiar a persoas que o precisan. Sen siglas, sen nomes, sen etiquetas de ningún tipo, só persoas axudando a persoas.
Moitas grazas. Vémonos o sábado, en apoio a todas as persoas refuxiadas. Por un mundo sen muros.
Fdo: as persoas anónimas organizadoras do evento.
P.D.: Reprodúcese a continuación un detalle do cartaz do evento, no que se observa claramente que as entidades municipais só figuran como colaboradoras.