Burela, 8 de xuño de 2016.- O PSdeG-PSOE de Lugo defendeu este mércores en Burela que é a única formación que garante un “si polo cambio” o 26 de xuño. O Alcalde de Burela, Alfredo Llano, acompañado do candidato ao Senado, Ricardo Varela e xunto con compañeiros da candidatura socialista, realizaron un percorrido polas rúas da vila burelesa para abordar cos veciños o proxecto galego do PSOE.
Alfredo Llano remarcou que este é o momento de amosar á cidadanía que “o PSOE é o único partido que ten solvencia para gobernar este país. Nun momento como que se vive actualmente na Mariña de Lugo, coas obras do Hospital da Costa sen moverse nin un só ladrillo, coa empresa máis importante da provincia de Lugo, como Alcoa, con graves problemas de estabilidade, cunhas infraestruturas viarias totalmente abandonadas, cun sector pesqueiro desatendido e cunhos índices demográficos demoledores, por iso é vital dicir SI ao cambio o 26 de xuño. Este é o panorama ao que nos enfrontamos os mariñaos, e mentres sucede todo isto o Partido Popular, o Partido de Feijoo, Balseiro, Barreiro, segue de espectador impasible ante o esmorecemento desta Comarca”, espetou o Rexedor.
O Alcalde socialista pediu aos mariñáns que pensen si queren seguir nesta senda de desigualdades económicas, sociais, laborais, educativas que impulsou o PP, ou si escollen un proxecto liderado por Pedro Sánchez para impulsar un verdadeiro goberno do cambio en España. “A Mariña Lucense necesita de xeito urxente un Partido que saiba coller o temón desta situación, necesitamos que o Partido Socialista lidere a rexeneración económica desta Comarca”. Nese senso, demandou desenvolver empresas derivadas do aluminio, recuperar fábricas conserveiras na Mariña ou mellorar a calidade da vida dos mariñáns coa área sanitaria.
Alcoa e sector primario
Ricardo Varela sinalou que a provincia de Lugo e a Mariña en particular necesitan potenciar os seus sectores primarios. “A agricultura, a pesca, o sector lácteo son vitais na Mariña de Lugo. Debemos de impulsar medidas económicas para manter o emprego nestes sectores”. Lembrou, ademais, a situación que atravesa a multinacional Alcoa con sede en San Cibrao, unha empresa que supón o 30% do PIB da provincia. Por iso demandou un esforzo a todos os partidos para conseguir estabilidade para os 1.300 empregos da factoría. Dixo que o Partido Socialista vai manter o compromiso permanente con esta industria que é o motor desta provincia. E avogou por recuperar a axenda de políticas sociais emprendida polos gobernos socialistas. “É fundamental para o futuro do noso país, iso é o que temos que defender nas urnas o próximo día 26 de xuño”. Por iso, demandou “unha saída de cambio viable e razoable que representa o PSOE”.
Recuperar a igualdade
Varela dixo que durante estes anos houbo un partido en España “que sumiu aos españois no inferno durante 4 anos. Hai un partido que promete un ceo utópico e imposible. E hai un partido, que é o PSOE, que promete facer o que fixo sempre: recuperar a igualdade e a xustiza; todo o que perdemos nos últimos 4 anos por mor do PP e de Rajoy. Espero que os españois non lle dean unha nova oportunidade ao Partido Popular e espero que opten pola única vía posible que pode desaloxar a Rajoy da Moncloa: o PSOE”.
O candidato ao Senado cualificou estes últimos 4 anos e medio de Rajoy “como de durísimo castigo a toda a cidadanía deste país, aos parados, aos enfermos, aos estudantes… O PSOE está aquí para dicirlle á xente que somos un Partido Socialdemócrata que representa o mellor da socialdemocracia europea, o movemento político sempre tivo que saír a resolver os problemas que xerou a dereita: desigualdade e inxustiza”, concluíu.