Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal e MicroBank subscriben un convenio de colaboración para incentivar a actividade emprendedora

IMG_9956Viveiro, 17 de xuño de 2016.- O presidente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal, José Basilio Otero, a directora de Mercadotecnia e Comercial de MicroBank, Núria Danés, e a directora da área de Negocio de CaixaBank en Galicia Norte, Marta Albela, asinaron un convenio de colaboración para facilitar o financiamento de proxectos empresariais a través de microcréditos. Coa firma deste acordo establécese unha liña de financiamento de 1 millón de euros. Os beneficiarios serán persoas físicas e microempresas con menos de dez traballadores e unha facturación anual inferior a dous millóns de euros.

Os solicitantes poderán optar a microcréditos até un importe máximo de 25.000 euros (cun máximo do 95% do investimento). Os proxectos deberán contar cun plan de empresa e o informe favorable de viabilidade elaborado polo Grupo de Acción Local.

O criterio de concesión de microcréditos por parte de MicroBank atende fundamentalmente á confianza na persoa ou o equipo que solicita o préstamo e á viabilidade do proxecto, podendo acceder persoas carentes de garantías e avais.

En virtude deste convenio, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal comprométese a detectar as necesidades de financiamento, dirixidas a promover o autoemprego e ao establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas e negocios de autónomos, así como a facilitar servizos de apoio e asesoramento empresarial, analizar a viabilidade do proxecto e dirixir ás persoas físicas ou xurídicas asesoradas pola corporación municipal a MicroBank para que este analice, e no seu caso aprobe, as solicitudes de financiamento.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar da Xunta de Galicia na xestión de recursos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que ten como obxecto social colaborar no goberno da zona, participando activamente na construción da capacidade organizativa da zona pesqueira, servindo de núcleo de converxencia e representación de persoas particulares, entidades e axentes socioeconómicos con intereses no desenvolvemento integral e equilibrado da zona.

MicroBank, o banco social especializado en microfinanzas participado integramente por CaixaBank, é o único banco de España dedicado exclusivamente ao financiamento de proxectos a través de microcréditos. A entidade foi pioneira no seu modelo de negocio e continúa sendo a que máis recursos destina ao financiamento de proxectos a través de microcréditos. O banco ofrece microcréditos destinados a autónomos, emprendedores e microempresas; e microcréditos persoais e familiares, que teñen como obxectivo atender necesidades que permitan superar unha dificultade temporal e faciliten o desenvolvemento persoal e familiar.

Durante o exercicio de 2015, MicroBank concedeu en Galicia un total de 735 préstamos destinados a autónomos, emprendedores e microempresas por un importe de 7,8 millóns de euros. Para financiar proxectos persoais e familiares, o banco achegou 16,9 millóns a 3.291 iniciativas.

Acordos con máis de 560 entidades sociais
Na concesión dos microcréditos, ademais da rede de máis de 5.200 oficinas de CaixaBank, colaboran entidades que achegan coñecemento das persoas destinatarias dos créditos, ademais de asesorar e realizar o seguimento dos proxectos. Até a data, MicroBank asinou convenios con 566 entidades sociais de toda España que velan pola viabilidade dos proxectos financiados. As entidades sociais colaboradoras son organizacións de todo tipo con experiencia en accións de asistencia económica ou social dirixidas a potenciar a creación de microempresas, fomentar o autoemprego e incentivar a actividade emprendedora.

Exit mobile version