A edil explicou que “o Concello celebra este ano o Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño, con dúas actividades distintas: unha, como xa se ven facendo dende hai 6 anos, é o concurso Cervo Respecta, no que os afeccionados á fotografía presentan fotos de diversa índole sobre o noso entorno e natureza. A outra actividade vai dirixida aos máis pequenos e trátase dun taller de reciclaxe que fixemos hoxe no punto limpo, porque queremos que os rapaces vexan o importante que é reciclar e separar os residuos para que a forma de xestionalo sexa moito máis económica e doada. Para facer esta actividade contamos coa colaboración da asociación Mujeres de San Ciprián, que lles ensinou aos máis pequenos como facer xoguetes e outras cousas con botellas de plástico, xornais, bolsas, etcétera, polo que quero darlle as grazas a este colectivo”.
Manuela Méndez engadiu que “o Concello, tamén con motivo da Semana do Medio Ambiente, está repartindo nos colexios estes días distintos folletos axeitados para os nenos nos que se indica dunha maneira moi gráfica como hai que facer para separar e reciclar ben o lixo que xeramos todos os días nas nosas casas”.
A concelleira de Medio Ambiente rematou comentando que “con todas estas iniciativas o Concello quere, sobre todo para os máis pequenos, a sensibilización e a concienciación en que todos debemos aportar o noso gran de area para poder xestionar ben todos os residuos que xeramos, porque doutra maneira nun futuro próximo non será posible que teñamos un entorno favorable”.
Os premios do sexto concurso Cervo Respecta serán entregados este xoves ás 20 horas na Casa do Concello.