Barreiros, 30 de xuño de 2016. O BNG pedirá o contrato asinado con unha empresa privada para levar a cabo a limpeza das praias. “Trascendeu que este ano a limpeza das praias de Barreiros a realizará unha empresa privada, en lugar de contratar de xeito público a persoas do concello”, explican desde o BNG.
“Queremos saber que empresa vai xestionar o servizo, cales son as condicións do contrato e en base a qué se deciciu contratar a esa empresa, gastando máis, en lugar de destinar ese diñeiro a contratar directamente ao persoal”, argumenta a portavoz municipal, Ana Ermida. “Agardamos non atopar ningunha sorpresa cando vexamos que empresa é e que relacións pode ter con este concello”, sinalan.
“Chama ademais a atención que nun concello coma Barreiros, con unha débeda de 2,5 millóns de euros e nunha situación na que non se contrata persoal para cubrir baixas ou xubilacións, o goberno municipal decida darlle este traballo a unha empresa de fóra; en lugar de poder contratar a persoal directamente”, afirman desde a formación nacionalista.
Para o BNG, este xeito de proceder responde a varios intereses do Partido Popular en Barreiros. Por un lado, “ao contratar unha empresa privada, o concello evita ter que facer unha selección de persoal que debería rexerse polos principios de mérito e capacidade, podendo acceder aos postos calquera veciña ou veciño. Deste xeito, como a contratación non é directamente pública, evítanse eses requisitos e pode responder a outros criterios”, explica Ana Ermida.
En segundo lugar, “o feito de contratar a unha empresa é o recoñecemento expreso da súa incapacidade para xestionar, tamén, a limpeza de praias”, aseguran. “O estado dos areais e os seus arredores nos últimos anos é lamentable debido á falta de organización e planificación dos traballos, a pesar de contar ata hai ben pouco con dúas persoas cobrando salario por exercer de concelleiros”.
Neste sentido, desde o BNG recordan que o seu grupo municipal leva anos sen asistir ao acto de izado das bandeiras azuis por considerar que a xestión turística do concello é nefasta e se está desaproveitando o potencial de Barreiros.