Burela, 30 de xuño de 2016.- A Escola Municipal de Música de Burela acolle o VII Curso Interdisciplinar de Música, que se celebrará do 4 ao 8 de xullo. Dentro deste curso que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:00 horas, haberá un taller infantil no que poderán participar todos os nenos desde 4 anos. É de balde e terá lugar de 10:00 a 11:30 horas. O Curso Interdisciplinar de Música achegará aos asistentes, arredor de 100, á ópera.
O director do curso e da Escola Municipal de Música de Burela, Xan Carballal, manifestou que “con esta cita esquecemos un pouquiño a traxectoria do inverno, onde hai uns estudos más regulados e dedicámonos a facer este curso como unha mera actividade lúdica, sen esquecer o primeiro obxectivo que é o pedagóxico”.
Xan Carballal lembrou que “estes cursos naceron ao tela posibilidade de contar cos rapaces durante a mañá e nalgúns casos tamén pola tarde, para poder facer algo que durante o curso non se pode moitas veces por falta de tempo, nos parecía un reto bastante importante e así comezaron, a verdade con bastante éxito”.
O director do curso indicou que “temos un apartado que chamamos taller infantil onde os máis pequenos, rapaces que ao mellor nunca foron á escola de música, poidan ver e observar cómo se traballa. Despois temos para xente xa maior ou alumnos da Escola, o que é a práctica instrumental a través da Banda de Escola, a través da Orquestra, e a verdade é que foi un éxito. Tamén o esperábamos porque isto se ven facendo non soamente na Escola de Burela senón que hai máis escolas que fan este tipo de actividades. Pola experiencia que temos o consideramos sempre como un éxito”.
Xan Carballal salientou que “os rapaces lonxe do estres do curso poden facer un traballo lúdico, aprender a través da música a relacionarse cos demais, a traballar en equipo. Son estes valores que nós consideramos moi importantes e forman parte da educación dos rapaces”.
O director do curso explica que “sempre se traballa arredor dunha obra, dalgunha temática. Este ano o que pretendemos para o vindeiro curso é que os rapaces aprendan a considerar a forma musical reina como é a ópera, e aprendan a apreciala. Moitas veces está un pouco no baúl do esquecemento porque nos parece a priori que vai ser unha tarefa ardua meterse no mundo da ópera. É un mundo no que ao mellor aquí non hai tradición e a verdade é que somos en principio un pouco reticentes porque o asociamos a aburrimento, á música que non está ao noso alcance e nada máis lonxe da realidade. A través da ópera vemos a narración dunha historia cantada onde podemos observar o xenio dos grandes creadores destas obras consideradas verdadeiras obras de arte. Imos facelo asequible para que os rapaces poidan apreciar e entrar pola porta grande no mundo da ópera e estou seguro de que o imos conseguir”.
O VII Curso Interdisciplinar de Música pechará co concerto final que terá lugar no auditorio municipal de Burela o 8 de xullo ás 20:00 horas.