Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro reúne á Executiva do PP da Mariña para facer unha valoración dos resultados electorais na comarca

A Mariña, 30 de xuño de 2016.- O coordinador comarcal do Partido Popular da Mariña, José Manuel Balseiro, vén de convocar a reunión da Executiva co obxecto de avaliar os resultados das últimas eleccións xerais.

A xuntanza terá lugar mañá venres, ás 21 horas na sede local do Partido Popular en Mondoñedo. A Executiva comarcal, que foi escollida por voto directo no último congreso de Viveiro, reunirase de xeito periódico e irá rotando polos distintos concellos da comarca.

“Como sabedes o PP gañou en todos os concellos da Mariña obtendo máis de 18.400 votos. Somos a única forza política que crece na Comarca, mellorando os resultados acadados hai seis meses e vencendo incluso naqueles concellos nos que hoxe somos oposición municipal”.

Balseiro insistiu no agradecemento á confianza recibida e indicou que a xuntanza de mañá ten por obxecto valorar coa Executiva as liñas a seguir nas vindeiras datas, coa mirada posta nas eleccións galegas, nas que o Partido Popular buscará reeditar e ampliar a confianza recibida, nesta ocasión, en apoio da candidatura do presidente Núñez Feijóo.

“Hoxe temos unha vantaxe de 21 puntos fronte ao PSOE, de 30 con En Marea, de 41 con Cidadáns e de 43 cun BNG que moitos concellos non supera incluso a Barreira do 5%”, indicou Balseiro.

A nova Executiva comarcal popular será a encargada de programar o traballo de cara aos vindeiros meses, partindo do feito de que son a forza preferida polos veciños da Mariña e coa responsabilidade e compromiso que isto supón. “Toca redobrar os esforzos para seguir merecendo tanto apoio e xestionar a vitoria con humildade e moito traballo”- conclúe Balseiro.

Exit mobile version