Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldía de Viveiro fai públicas aclaracións en resposta á valoración sobre a Policía local por parte do PP

Viveiro, 22 de xuño de 2016.- Ante as declaracións aparecidas na prensa local o pasado fin de semana, na que o Grupo Municipal do Partido Popular realizaba diversas valoracións con respecto ao funcionamento da Policía Local e a tramitación dos procedementos sancionadores, esta Alcaldía vese na obriga de realizar as seguintes aclaracións:

1. Persoal laboral e instrucción do procedemento sancionador.

En relación coa instrucción do procedemento sancionador por parte de persoal laboral do Concello de Viveiro, cómpre ter en conta o establecido no Estatuto Básico do Empregado Público e na Lei de Emprego Público de Galicia.
O artigo 28 da Lei de Emprego Público de Galicia regula a situación do persoal laboral indefinido establecendo a obriga de incorporar na Relación de Postos de Traballo os derivados destas relacións laborais.

Os postos que se creen en virtude deste artigo deben incorporarse á primeira oferta de emprego público para a súa cobertura definitiva. En tanto non se proceda a esta cobertura definitiva este artigo establece que o persoal laboral indefinido terá adscritas as funcións do referido posto. Polo tanto, de xeito temporal (en tanto non se cubra definitivamente o posto) permítese a adscripción a persoal laboral indefinido de funcións reservadas a persoal funcionario.

Neste momento a Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o vixente exercizo (ao igual que nos exercizos anteriores) impide a aprobación de oferta de emprego público e polo tanto a cobertura definitiva de postos.
Na actualidade, no Concello de Viveiro existe un elevado número de persoal laboral indefinido e non podendo cubrirse definitivamente os posto resulta inevitable, en base ó antedito, que estes realicen funcións de funcionarios, como está a acontecer no caso referido.

A instrucción dun procedemento conleva diversos trámites (búsqueda de información e datos, tramitación, resolución, notificación, ….). Para os trámites de contido xurídico requírese contar con coñecementos xurídicos, ós efectos de control de prazos, admisibilidade de alegacións, resolución de recursos, etc….. Deste xeito, a tramitación do procedemento que require de coñecementos xurídicos vense realizando por persoal municipal con titulación xurídica.

Estes fundamentos desminten a alarma causada polo Partido Popular coas súas afirmacións de que as sancións tramitadas pola Policía Local podían ser nulas.

2. Gratificacións

En relación coas gratificacións do Inspector Principal Xefe da Policía Local, cómpre sinalar que, no Acordo Marco para o Persoal Funcionario do Concello de Viveiro, se recolle (nos artigos 46, 47 e 76) a existencia de compensacións por traballos realizados fóra da xornada laboral así como en horario nocturno e festivos.

Estas compensacións, de non estar valoradas e recollidas no Complemento Específico abonaranse en nómina mensual según parte de traballo expedido.

No Complemento Específico da Policía Local na vixente RPT non constan valorados estes aspectos polo que o seu abono se debe realizar en cada nómina mensual según parte de traballo.

Non é certo por tanto que as gratificacións aboadas ó Xefe da Policía Local se debesen exclusivamente ás súas actuacións no procedemento sancionador, senón ó traballo realizado fóra da súa xornada e en horario nocturno e festivos.

Tamén cabe engadir que non é función da Alcaldía o control da legalidade e fiscalización da percepción das compensacións recollidas no Acordo Marco por horas e traballos extraordinarios realizados por cada policía local.

3. Cobertura de prazas vacantes na Policía Local e Oferta de Emprego Público (Funcionarización)

Na Lei de Orzamentos Xerais estatal vixente para o presente exercizo, no tocante á cobertura de postos vacantes na Policía Local establécese unha posible cobertura do 100% das vacantes sempre que se cumpran os requisitos referidos na mesma ó endebedamento e estabilidade orzamentaria.

Estes requisitos véñense repetindo nas leis de orzamentos estatais dos anos anteriores, con porcentaxes de cobertura sobre as vacantes aínda máis restrictivos.

Esto desminte outra das afirmacións do grupo do P.P. na que se acusaba a esta Alcaldía de non cubrir as prazas por vontade política, cando realmente nos anos precedentes as posibilidades para a súa cobertura se atopaban moi limitadas, e incluso no presente ano se esixe o cumprimento de diversos requisitos que habría que valorar se en Viveiro se cumpren.

4. Elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT)

Nestes momentos estanse realizando os trámites previos para á modificación da RPT, coa que se solventarán as cuestións referidas á creación de postos derivada de relacións laborais indefinidas mediante a creación dos correspondentes postos como funcionarios ou laborais, segundo corresponda, así como a valoración de cada un dos postos e a inclusión das especificidades de cada un (como nocturnidade, traballos en festivos…) no complemento específico.

Está pendente de execución unha sentenza xudicial referente á Policía Local, acordándose por unanimidade na Mesa Xeral de Negociación realizala con motivo da modificación da RPT.

De todo canto antecede, constátase que tanto a tramitación dos procedementos sancionadores como no pago de gratificacións ao Inspector Principal Xefe da Policía Local se axusta á legalidade vixente, o que deixa ver que as repetidas acusacións do P.P. na prensa hacia esta Alcaldía carecen de veracidade.

Exit mobile version