Anunciouno este sábado a concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, quen tamén salientou que “todos os días de maio ata o 17 publicaremos na páxina de facebook do Concello contidos referentes ás Letras Galegas e ao escritor ao que se dedica esta conmemoración este ano, Manuel María”.
Ademais o 3 de maio, martes, inaugurarase unha exposición de pintura de Yesenia Cao, que poderá visitarse na Casa de Cultura, de San Ciprián, ata o día 27 do mesmo mes. O 7 de maio, sábado, terá lugar na Praza do Souto, de Cervo, a Foliada organizada polas asociacións Airiños do Xunco e A Fervenza de Sargadelos e coa colaboración do Concello.
As actividades culturais continuarán o 14 de maio, sábado, cunha actuación de baile a cargo da escola Hover Cross. Será no auditorio da Casa de Cultura ás 20:30 horas organizada polo Concello coa colaboración da asociación Arama.
E os actos culturais organizados polo Concello cervense para o mes de maio rematarán o día 28, sábado, cun taller de creación de fósiles que terá lugar na Biblioteca de Cervo ás 19:30 horas, dentro do programa Ler conta moito.