Burela, 30 de abril de 2016.- A Mancomunidade de municipios da Mariña lucense recibe, unha vez máis, “o apoio decisivo” da Xunta de Galicia para potenciar a oferta turística comarcal. Así o destacaron desde o Partido Popular coa mirada posta na próxima Asemblea plenaria da Mancomunidade -que terá lugar o luns en Burela- e na que o principal punto da orde do día é, precisamente, a autorización para sinatura do convenio de colaboración coa Axencia autonómica Turismo de Galicia.
O voceiro popular, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer en valor a colaboración da administración autonómica que achegará o 85% do orzamento total (190.000 euros) destinado a impulsar distintas accións para consolidar A Mariña lucense como destino turístico diferenciado e de calidade, precisamente unha das finalidades para as que nace a Mancomunidade en 1982.
Entre as accións a impulsar –destacou Balseiro– temos varias que recibiron boa acollida no pasado e que, en consecuencia, “é un acerto consolidar” como é o caso do Mes da Maxia que celebrará a súa 5ª edición.
Outras accións previstas son as rutas de artesanía a través da gastronomía, a consolidación do Camiño Norte (a través das rutas de sendeirismo) e a propia formación dos axentes turísticos. Tamén se inclúen promocións en redes sociais e reedición de novos mapas.
Maior implicación da Deputación
Por outra banda, o voceiro popular dixo que bota en falta unha colaboración similar por parte da Deputación de Lugo tendo en conta que a Mancomunidade é o espazo que ofrece unha promoción conxunta de todos os concellos da Mariña nun ámbito estratéxico como é o turismo con capacidade directa de xerar novos recursos e novos empregos.
Balseiro reclamará tamén a presenza dun representante do Partido Popular na Comisión de seguimento deste convenio que se debe constituír unha vez que se proceda á sinatura do mesmo e no que o presidente da Mancomunidade xa é un membro nato. Todo iso en facela “máis representativa da realidade plural da comarca”.