A pasada fin de semana os membros do Grupo Municipal de VIA no concello e o resto dos membros da agrupación de Veciños Independentes de Alfoz celebraron unha nova reunión mensual para tratar temas sobre a actualidade do concello de cara ao vindeiro pleno ordinario que se celebrará o venres 18 de marzo. Dentro das cuestións tratadas acordouse presentar dúas mocións relativas á postura de VIA respecto aos procesos de unificación de concellos así como á situación do servizo postal de Correos.
O grupo municipal VIA reclama á Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e á Deputación Provincial de Lugo, o estudo de análise das vantaxes e consecuencias dunha posible fusión entre os concellos de Alfoz e O Valadouro solicitado na sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Alfoz de data 24 de febreiro de 2012, remitida a ambos organismos segundo as correspondentes certificacións de acordos plenarios do 29 de febreiro de 2012 con rexistro de saída 132 e 133, respectivamente. Así mesmo, piden que “nos informes que se realicen se teña en conta non só a situación actual dos concellos senón tamén as consecuencias a medio e longo prazo, tanto as relacionadas co financiamento local, como desde o punto de vista social”. E, finalmente, suxiren “comunicar este acordo á FEGAMP para o seu coñecemento e por si puidera considerar oportuno participar no indicado estudio, do mesmo xeito que se fixo o 29 de febreiro de 2012 con rexistro de saída 131, mediante a correspondente certificación de acordo plenario”.
Por outra banda, reclaman á Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, S.A., a través da súa delegación en Galicia, que garanta a prestación eficaz do servizo postal universal no noso concello. E tamén que “a Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, S.A. revoque calquera medida que poda menoscabar o dereito cidadán á comunicación postal, tal como sería a desaparición da oficina postal de Ferreira do Valadouro”. E, finalmente, instan a “comunicar este acordo á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, á Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) e ao Ministerio de Fomento”.
Na reunión tamén de trataron outros asuntos como a preocupación transmitida polos veciños e veciñas de Alfoz ante falta de concreción, por parte de Medio Rural, da data de entrega das fincas de reemprazo no proceso de concentración parcelaria. Neste sentido Xabier Pardiñas transmitiulle aos compañeiros que ten solicitada unha reunión con Raquel Arias, delegada da Xunta en Lugo, para comunicarlle esta situación, ademais doutras cuestións dependentes da administración autonómica.
Unha vez maís, a agrupación de Veciños Independentes de Alfoz recorda que se pon á disposición dos veciños e veciñas de Alfoz a través de calquera dos membros do grupo municipal e nos correos vialfoz@gmail.com e grupovia@concellodealfoz.com.