Ribadeo, 26 de marzo de 2016. Cun acto celebrado en Venres Santo, o restaurante A Cofradía de Rinlo, que é famoso polo seu arroz caldoso de marisco, presentaba a súa propia cervexa artesá, chamada Salgadiña e que entre os seus ingredientes ten auga de mar, pero tamén leva auga, malta, lúpulo e fermento. Os promotores desta nova bebida, que polo de agora só se pode mercar na Cofradía de Rinlo, son o produtor de cervexas artesás, Alberto Curiel; o propietario do restaurante, Gerardo Martínez, e David Alvariño, amigo de ambos que foi o que tivo a idea, o que os puxo en contacto e o que deseñou as tres etiquetas diferentes que teñen as botellas de Salgadiña.
Alberto Curiel, lucense que é o produtor da cervexa artesá Aloumiña, explicou que ten en marcha un proxecto que consiste en “facer cervexas con personalidade propia; é dicir, elaborar unha cervexa cun estilo propio para un sitio determinado que encaixe con lugar. Entón David, amigo da xente da Cofradía e meu, propúxome facer unha para A Cofradía de Rinlo. A partir de aí comezamos a traballar coa idea de que ao ser para un establecemento así tería que ser algo mariño, que encaixe co restaurante, con onde está e entón descubrimos o estilo este de cervexa, que se chama Gose, que é orixinario de Alemaña e que se caracterizaba porque nun río as augas eran salgadas e collíanas para elaborar a cervexa propia daquel pobo e por iso caracterizábase por ten un punto salgado. Entón empezamos a desenvolver esa idea para aquí e foi como fixemos a cervexa para A Cofradía de Rinlo”.
Alberto Curiel engadiu que para elaborar a Salgadiña “contactamos cunha empresa galega que se dedica a vender auga de mar, porque hai que pasala por uns filtros para quitarlle as bacterias e queden só os minerais, que é o que nos interesa e o que lle dá ese sabor característico a esta cervexa. E guiándonos polo estilo Gose alemán dámoslle a nosa personalidade. É unha cervexa fresca, fácil de beber e ten un toque salgado e tamén aromas e sabores cítricos, aportados por froitas desta zona, cilantros, … Ten 5,5 graos, que é un pouquiño máis que unha cervexa común”.