Ribadeo, 15 de marzo de 2016.- Este xoves, 17 de marzo, o alumnado do ciclo de educación infantil desenvolverá un contacontos nas aulas de educación infantil dos colexios do concello de Ribadeo. Esta actividade enmarcase na valorización e difusión do 8 de marzo e en dotar a dito alumnado, tanto o que vai traballar o conto como as pequenas e pequenos de infantil, de espazos onde se traballe desde a perspectiva da coeducación.
Desde o CIM explican que “con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres o 8 de marzo, o 2º curso do Ciclo Superior de Técnico en Educación Infantil, do CIFP Porta da Auga, formulounos unha proposta para realizar unha actividade complementaria á formación do seu alumnado”.
No CIM ribadense indican que “dentro do currículo deste ciclo son moitas as referencias nos obxectivos, criterios de avaliación e contidos con respecto á coeducación e á educación a nenos e nenas en igualdade desde as diferenzas individuais de cada persoa. Desde o departamento do ciclo de educación infantil entenden que un xeito de participar nun cambio cara unha sociedade non sexista, comeza por formar a futur@s profesionais do ámbito socio educativo para que tenten rachar con esa suposta igualdade, que hoxe en día non resulta ser tal e que, por exemplo, na escola fai que aínda perduren elementos que reproducen e perpetúan o sexismo e as diferenzas entre os futuros homes e mulleres que formarán a nosa sociedade”.
Desde a Área de Igualdade do Concello de Ribadeo “entendemos que a colaboración e interacción entre os diferentes recursos que existen no Concello, aínda pertencendo a outras institucións, é crucial para conseguir a ansiada igualdade entre mulleres e homes. As sinerxias que se tecen con esta actividade entre a institución educativa do CIPF Porta da Auga na formación das e dos seus profesionais incorporando directamente ao currículo educativo unha actividade coeducativa e por outra banda, sendo os axentes receptores desta actividade as aulas de educación infantil dos centros educativos do Concello de Ribadeo favorecendo a intervención en idades temperás”.
A proposta do CIFP Porta da Auga terá coma protagonista ao alumnado de 2º do CSTEI, que realizará unha actividade para as aulas de Educación Infantil dos centros educativos de Ribadeo consistente en:
1º. Contacontos: Trátase dun contacontos infantil no que se aborda o conto Roi quere ser mamá, no que dende un punto de vista non sexista as personaxes comprenden a importancia de racharmos estereotipos de xénero.
2º. Asemblea: A asemblea é unha parte importantísima dentro da escola. É un elemento imprescindible na concepción educativa da etapa infantil actual. Constitúe un dos núcleos principais dunha metodoloxía activa e construtivista, onde se establecen camiños de comunicación entre as nenas e nenos e as educadoras e educadores. Aproveitando esta rutina, o noso alumnado traballará as ideas principais do conto e as realidades das pequenas e pequenos desmontando moitos mitos adquiridos e facendo reflexionar a todas as cativas e cativos.
3º. Xogos non sexistas: atendendo ás diferentes idades das pequenas e pequenos o alumnado implementará xogos e/ou dinámicas onde afondarán na realidade de xénero.
4º. Conclusión: para finalizar a sesión.
Os destinatario/as son:
Alumnas e alumnos do segundo Ciclo de Educación Infantil dos centros educativos do Concello de Ribadeo.
CEIP Gregorio Sanz:
2 aulas de 3 anos
2 aulas de 4 anos
2 aulas de 5 anos
Colexio Sagrado Corazón de Xesús:
2 aulas de 3 anos
2 aulas de 4 anos
2 aulas de 5 anos
O alumnado do CIFP organizarase en parellas educativas, o que permite ofertar esta actividade nunha única sesión de entre 50 e 60 minutos, simultánea en cada aula de cada centro. Este proxecto levarase adiante o 17 de marzo.