Site icon Crónica3.com A Mariña

APAGA editou medio millar de folletos informativos para dar a coñecer as accións que a asociación leva adiante neste 2016

Ribadeo, 15 de marzo de 2016.- A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) ven de editar medio millar de folletos informativos coas actividades que levan a cabo durante este 2016. Vanse distribuír entre socios e profesores, segundo deu a coñecer na mañá deste martes o presidente do colectivo.

Álvaro Doural subliñou que “é unha recompilación das sete accións que se van realizar neste 2016. Estas actividades comezan co APAGA Formación, que está a desenvolver cursos de formación para socios desde marzo ata o 23 de xuño, o V Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que terá lugar os días 31 de agosto, 1 e 2 de setembro, e as IV Xornadas de Internacionalización de Institucións que se fan todos os anos para informar das accións europeas que facemos”.

O presidente de APAGA seguiu a explicar que “outro dos proxectos é APAGA Emprego, que é un servizo de busca de técnicas para empresas, segundo o perfil que elas buscan. O terceiro proxecto é APAGA 5S, un tema que estamos empezando con distintas institucións na metodoloxía de organización xaponesa”.

Doural salientou que “un dos apartados máis importantes que estamos a desenvolver nos últimos anos é APAGA Internacionalización. Por unha parte no folleto, que hoxe presentamos, recóllense os proxectos xa realizados e que están avaliados, e os proxectos que nestes momentos se están a realizar. En 2016 faremos saídas formativas a 14 países da Unión Europea. Neste apartado tamén estamos a realizar unha guía turística dos concellos que abarca desde A Pastoriza ata O Vicedo, de toda A Mariña, un material para levar ás nosas visitas por Europa, aos centros de ensino, concellos, cámaras de comercio, etc…”.

O responsable da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia indicou que “temos un tema novo que é APAGA Ti Podes, que é unha unidade que se crea nova contra o fracaso e o abandono escolar na Formación Profesional. Tentamos botar unha man para aqueles que quedan fora do sistema sen formación”.

Álvaro Doural concluíu que “temos o APAGA TIC que é a publicación de libros electrónicos, un proxecto no que estamos a traballar, e o APAGA Vehículos Clásicos coa mostra e algún proxecto de importancia para A Mariña, do que esperamos en pouco tempo ofrecer información”.

Exit mobile version