Bruxelas, 15 Marzo 2016. O Consello de Ministras e Ministros de Agricultura da UE anunciou este luns que as medidas que propoñen para paliar a actual crise nos sectores leiteiro, porcino e horto-frutícola da UE son precisamente que o sector produtor se encargue voluntariamente de regular o que a Unión Europea se esforzou en liberalizar. A cambio, a UE ofrece seguir disimulando o problema real -é dicir, os baixos prezos e a insostenibilidade do modelo produtivo-, aplicando incentivos económicos excepcionais, explorando a posibilidade de situar os produtos europeos noutros mercados a costa de empeorar a situación do sector produtor de terceiros países e seguir enarborando a bandeira do veto ruso, como se o problema do sector primario europeo estivera fóra e non dentro.
“Logo de que o levemos denunciando continuamente, nestas últimas semanas estamos vendo como recoñecen o fracaso da liberalización” -analizou a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, en relación ás declaracións realizadas polo Comisario Hogan na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, as posicións manifestadas no pasado pleno da Eurocámara e a resposta remitida a AGEe por parte da Comisión en relación a unha pregunta parlamentaria-, “pero inda así seguen sen querer poñer en marcha políticas públicas que regulen a produción no sector lácteo”.
“De nada vale arrepentirse agora”, advertiu en relación a este recoñecemento da gravidade da actual crise nos sectores lácteo, porcino e hortofrutícola. “Máis ben, en lugar de laiarse, compensen o mal que fixeron. Este é o momento de que a UE faga unha aposta determinante por unha Política Agraria Común que poña no centro os prezos, os postos de traballo e o establecemento dun modelo produtivo sostíbel.” E, en relación a este último aspecto, concretou “segue sen ter sentido importar pensos para excedentes que non teñen saída.”
Dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa consideramos indignante que logo de teren tomado a decisión de liberalizar o sector leiteiro enfrontándose aos gandeiros e gandeiras, agora á vista do problema os ministros e ministras de agricultura da UE teñan a ocorrencia de que quen asuma a responsabilidade de tomar medidas sexa precisamente o sector produtor, que mantivo mobilizacións durante meses opoñéndose ao fin do sistema de cotas. Pero é que, ademais, “entendemos que limitar a necesaria redución da produción a unha decisión voluntaria do sector non garante o efectos desexados -advertiu a eurodeputada de AGEe-, porque nun contexto de prezos tan baixos como o actual, como se vai decidir quen vai reducir voluntariamente a produción?”
Aliás, córrese o risco de que “se non hai regras, aplicar medidas de incentivamento económico da redución da produción, no canto de significar redución para as explotacións máis grandes, pode supor a eliminación de pequenas e medianas explotacións, acabando por converterse nun programa encuberto de cese da actividade para estas explotacións”. “Necesitamos unha politica leiteira pública que aborde a regulación priorizando o mantemento das explotacións en mans labregas, e non seguir relegándoa a decisións voluntarias”, reiterou.
Este é o neoliberalismo europeo, “que tanto se gaba de liberalizar mercados para ser competitivos, e logo ten que parchear a situación con axudas excepcionais que non só lle supoñen un custo extra, senón que afondan na distorsión da situación dos mercados enquistando inda máis o problema de fondo “, criticou Senra.
“Abonda xa de que pidan responsabilidade precisamente os máis irresponsábeis”, esixiu, “Nas mans da UE estivo, e está, construír un escenario produtivo e comercial que axuste a produción á demanda, que se basee en métodos de produción sostíbel, que proporcione postos de traballo no sector primario e que dinamice o territorio garantindo un medio rural europeo vivo con moitas medianas e pequenas explotacións alimentando á cidadanía”.