Lugo, 15 de marzo de 2016.- A Consellería do Mar destina máis de 104.000 euros ao sector pesqueiro lucense para que poida reforzar a vixilancia e elaborar plans de xestión que redunden na conservación e protección dos recursos mariños e os seus ecosistemas, garantindo unha explotación responsable, equilibrada e sustentable.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, mantivo este martes na sede da Federación Provincial de Confrarías en Burela unha xuntanza de traballo con representantes das entidades xestoras destas axudas: As Confrarías de Ribadeo, Burela, San Cibrao, O Vicedo e Celeiro así como a Agrupación de Mariscadores e Mariscadoras de San Cosme.
No encontro, no que tamén participou o xefe territorial do Mar, Pablo Ramón Fernández Asensio, os representantes do sector pesqueiro e da Xunta valoraron as actuacións postas en marcha ao abeiro deste programa, que serviu para a contratación de oito traballadores que realizan tarefas de vixilancia e asistencia técnica.
Segundo se puxo de manifesto, os labores de vixilancia dos gardapescas marítimos cobren practicamente toda a costa lucense e céntrase basicamente nos bancos marisqueiros, aínda que tamén poden actuar sobre as activades pesqueiras e acuícolas coa finalidade de potenciar e mellorar a inspección e vixilancia pesqueira, prestando a súa colaboración ao Servizo de Gardacostas de Galicia no exercicio das súas funcións.
Pola súa banda, os dous traballadores que prestan asistencia técnica elaboran e fan o seguimento dos plans de explotación e xestión sustentable dos diferentes recursos que presentan as entidades anteriormente mencionadas e que se desenvolven pola costa de Lugo, como o percebe, ourizo, coquina, berberecho, ameixa fina, ostra, bígaro, lapa ou longueirón, entre outros
Raquel Arias subliñou a importancia de desenvolver estes plans “que favorezan a recompilación de datos e a mellora da xestión responsable e sustentable das zonas de produción” de xeito que “se garanta a viabilidade económica do sector sen prexudicar o medio mariño”.
A delegada lembrou que se trata dun proxecto a longo prazo, para o período 2014-2020, que os beneficiarios poderán ir renovando mediante as distintas convocatorias, e que non só facilita a contratación de persoal senón que tamén financia a adquisición de equipamento e material necesario para levar adiante o proxecto.
Pódense presentar proxectos de carácter plurianual, sen que a súa duración poida exceder de dous exercicios orzamentarios, e prímanse as actuacións conxuntas entre entidades. De feito, esa foi a fórmula escollida na Mariña lucense. Así, Ribadeo e a Agrupación de Mariscadores e Mariscadoras de San Cosme xestionan de forma conxunta a axuda e contrataron a dous vixilantes e un técnico de xestión; as confrarías de Burela e San Cibrao contrataron a dous vixilantes, e por último, as de O Vicedo e Celeiro contrataron en común a dous vixilantes e un traballador para a asistencia técnica. Todos teñen unha vixencia inicial de 10 meses, se ben o programa terá continuidade en próximas convocatorias.