A lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) establece no seu artigo 21 que ao finalizar o sexto curso de Educación Primaria, realizarase unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas. Esta avaliación faríase por primeira vez no curso 2015-2016.
As familias da Confederación Anpas Galegas, que manifestamos de novo o noso rexeitamento á totalidade da LOMCE, e moi concretamente a esas “probas de avaliación”, quixeramos demandar desa Consellería a inmediata paralización das citadas probas, máis aínda logo de ver as múltiples e moi contraditorias declaracións públicas de todos os responsables políticos sobre a permanencia e/ou aplicabilidade da LOMCE; pero, á vista da falta de información existente na nosa Comunidade, queremos facer a esa consellería as seguintes preguntas:
• Ten esa consellería previsto realizar neste curso académico esta proba de avaliación en sexto curso de primaria?
• No caso de que así sexa:
– Teñen os centros escolares información sobre o procedemento e a metodoloxía que se vai desenvolver?
o Existe un calendario pola que se vaia rexer a organización destas probas?
– Existe a previsión de información a toda a comunidade educativa dun xeito efectivo para evitar as dúbidas que propiciaron o desconcerto do pasado curso na implantación da avaliación de 3º curso de primaria?
Evidentemente, a novidade fainos incidir máis nesa proba que resulta máis descoñecida para todas as familias galegas, pero non por iso queremos deixar de preguntarlle tamén polas outras avaliacións que establece a LOMCE, concretamente:
• Logo da protesta xeneralizada no pasado curso 2014-2015, e a non asistencia de boa parte do alumnado, vai esa consellería repetir a avaliación de 3º curso de educación primaria?. De ser así, vai haber algunha variación sobre a convocatoria do pasado curso?
• Actualmente o alumnado que cursa 4º da ESO, e por suposto as súas familias, temos unha preocupación permanente polas probas de avaliación final de Bacharelato, probas das que vai depender xa non só a obtención do título de bacharel senón tamén o acceso á universidade. Este alumnado que hoxe está en 4º da ESO serán os primeiros, segundo o calendario LOMCE, para quen esa avaliación sexa imprescindible, polo que a planificación dos cursos de bacharelato ten que ser coñecedora do contido e xeito nos que se han facer as probas. Que planificación ten feita a consellaría de educación ao respecto das Avaliacións Finais de Bacharelato, que substituirían ás actuais Probas de Acceso á Universidade?
Agradecémoslle que a súa resposta sexa rápida e concreta, é unha preocupación constante das familias galegas o coñecemento do futuro que lles vai afectar aos nosos fillos e fillas.