Viveiro, 19 de febreiro de 2016.- SON VIVEIRO presentou, para a súa aprobación no vindeiro Pleno do Concello viveirense, unha Moción con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo.
Na citada proposta, dito Grupo Municipal pon de manifesto que a actual crise acentúa a desigualdade, sendo esta realidade a que acompaña a vida das mulleres en todas as partes do mundo. Mencionan ademais que tal disparidade se presenta en diferentes graos e formas e que, en todas e cada unha das sociedades, culturas e relixións, as mulleres seguen estando nunha posición subordinada, continúan sendo cidadás de segunda.
Tamén citan os progresos efectuados nos últimos anos (nuns lugares máis ca noutros), e consideran que os mesmos non deben conformarnos como sociedade nin como administracións ou responsables institucionais, debéndose traballar para conseguir que o noso municipio sexa un espazo exento de discriminación e desigualdades.
Recalcan a necesidade de desenvolver políticas públicas dirixidas á sensibilización cidadá e á posta en marcha de medidas sociais e laborais que sitúen ás mulleres en situación de equidade para poder facer realidade que as elas sexan, tamén, cidadás con plenos dereitos, así como de recoñecer de xeito explícito a loita histórica do movemento de mulleres e o feminismo como ferramenta irreemprazable para conseguir elementos definitivos e consolidables de igualdade para todas e todos.
SON VIVEIRO solicita tamén o compromiso, por parte da Corporación Municipal, do seguinte acordo:
Dotar á Concellaría de Xuventude, Muller e Cultura, con competencias e orzamento adecuados. Sinalan que a partida para Políticas de Igualdade no presente exercicio 2016, de 5500 €, é claramente insuficiente para coordinar minimamente as políticas transversais para a equiparación entre mulleres e homes.
E demandan que a Corporación Municipal de Viveiro eleve ao Goberno Central e/ou Autonómico as seguintes propostas:
Modificación da Lei de Réxime Electoral Xeral para garantir que as listas electorais contemplen, polo menos, un 50% de mulleres.
Eliminación de condenas relativas á Interrupción Voluntaria do Embarazo, partindo do recoñecemento do dereito a dita interrupción baseado na libre decisión da muller e no garante da súa práctica nas vinte e catro primeiras semanas na Sanidade Pública. Ademais, esta cobertura, no Sistema Sanitario Universal, debe proporcionarse en calquera momento da xestación se supón un perigo para a vida das mulleres. Dereito ao aborto das mozas de dezaseis a dezaoito anos.
Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que debe pasar por unha modificación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para dotala dun carácter verdadeiramente integral, onde se recollan todos os tipos de violencia sexista, se desenvolvan as medidas de prevención e sensibilización social, se recollan unha rede de recursos reais e efectivos e se estruturen as competencias e responsabilidades das diferentes administracións públicas.
Activación de políticas contrarias á explotación sexual das mulleres e pola abolición da prostitución.
Rexeitamento da custodia compartida imposta. Manifestación contra calquera desenvolvemento lexislativo ou regulamentario que impoña a custodia compartida como preferente.