Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias: “Máis da metade dos alcaldes respaldan a nosa proposta de futuro para o Partido Popular de Lugo”

Lugo, 19 de febreiro de 2016.- “Estou ilusionada coa resposta que está a ter entre a militancia a nosa proposta de futuro para o Partido Popular de Lugo. Son moitos os que se están a sumar ao noso proxecto de renovación e, aínda que todos os apoios son importantes e necesarios, é moi alentador que máis da metade dos alcaldes populares desta provincia nos amosaran o seu respaldo”.

A piques de rematar a campaña para a elección dos compromisarios que terán que elixir a nova executiva provincial, a candidata Raquel Arias valora deste xeito o desenvolvemento desta primeira etapa do proceso.

“É moi gratificante constatar a ilusión coa que está sendo acollida entre os afiliados de base a nosa visión sobre cómo debemos organizar o partido e cómo debemos enfrontarnos aos retos que temos por diante”, explica.

“Sabiamos que aglutinábamos un sentir importante dentro do partido polo respaldo inicial co que partiamos pero non imaxinamos que fora a expandirse deste xeito”, recoñece.

“Valoro moito o apoio dos alcaldes e voceiros municipais, cargos institucionais e electos e militantes de base que dende o principio conforman este proxecto, así como os que se foron sumando durante esta fase inicial do proceso” pero tamén teño que “salientar”, recalca, “a enorme implicación da militancia”.

Segundo explica a candidata popular á presidencia do Partido Popular de Lugo, é “impresionante” como se están a involucrar os afiliados. O feito de que moitas agrupacións locais teñan que votar o vindeiro luns para elixir compromisarios, dado o elevado número de aspirantes, así o acredita.

“Confirma o que nos xa intuíamos: os afiliados queren implicarse activamente en todos os ámbitos da vida do partido”, di. “Pedímoslle participación e a resposta está a ser abrumadora”, recalca.

Neste senso, afonda na necesidade de que este sexa o derradeiro congreso provincial no que a militancia non vote directamente. “O procedemento de elección indirecta que rexe este proceso é moi complicado. Obriga ademais ós afiliados a postularse públicamente entre un compañeiro ou outro, polo que en aras da transparencia, de garantir a liberdade e a democracia interna do partido é imprescindible acometer reformas a este respecto”.

Interacción moi enriquecedora
A candidata popular describiu como “moi enriquecedor” o balance dos encontros que durante esta semana mantivo con afiliados en distintas agrupacións locais da provincia. Uns encontros que continuará os vindeiros quince días. “Estamos condicionados polos prazos que marca o propio proceso do congreso pero, dado que son os que son, imos aproveitalo todo o posible para que o maior número de afiliados coñezan de primeira man o noso proxecto”, explica.

Raquel Arias di que estes encontros son moi interesantes porque dan a oportunidade de “poñer en común moitas ideas”. “Os afiliados están a ser moi contundentes, tanto á hora de opinar sobre o proxecto ao que represento como á hora de facer un diagnóstico sobre a situación que vive o noso partido”, apunta, ao tempo que reitera o seu convencemento de que tras este “momento de reflexión” a formación política sairá “reforzada”.

Exit mobile version