Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Galicia aprobou a modificación das normas de planeamento do Concello de Cervo no ámbito da factoría Alcoa

190216 REUNIÓN ALFONSO VILLARES CON ENCARNACIÓN RIVAS Y RAQUEL ARIASCervo, 19 de febreiro 2016.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ven de anunciar que “a Xunta de Galicia acaba de ditar a orde do 16 de febreiro de 2016 na que se aproba definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cervo no ámbito de Alúmina Española S.A.”.

Alfonso Villares manifesta que “isto quere dicir que dende que ALCOA, Alúmina Española antes, está na nosa zona había un problema en canto á cualificación do solo, porque realmente a vistas do que había non se fixeron no seu momento as modificacións pertinentes e estaba case como un solo rústico”. O rexedor engade que “iso realmente era un impedimento para o desenvolvemento industrial que pode xurdir dende ALCOA. Houbo distintas normativas posteriormente a que ALCOA estivese implantada no noso concello que ampararon a súa construción e a súa actividade, pero o problema urbanístico en si estaba aínda sen resolver e iso é algo que agora mesmo se acaba de aprobar dende a Xunta de Galicia”.

Villares salienta que “é un trámite que xa levamos anos dende o Concello de Cervo sometendo a información pública, tamén a debates nos plenos da corporación municipal e agora, por fin, aprobouse definitivamente esta modificación puntual”.

O alcalde considera que “é unha noticia, sen dúbida ningunha, moi boa para o noso concello; non é que cambie nada do que hai, que todo vai seguir como está, pero o que si é certo é que nestes momentos podemos dicir que todo o tema normativo e administrativo co que respecta a ALCOA no aspecto urbanístico está como tiña que estar e correcto ao cen por cen”.

Alfonso Villares mantivo un encontro para abordar este tema coa secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, e coa delegada da administración autonómica en Lugo, Raquel Arias.

Exit mobile version