Lugo, 19 de febreiro de 2016.- A Xunta de Goberno aprobou este venres novas medidas do plan de mellora das rutas fluviais, que se está a levar dende a Deputación. O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, informou que neste momento se están a executar traballos de mantemento e reparación dos catamaráns (cambios de motor, pintura…) para a súa posta en marcha en Semana Santa. “Será nesta data, cando retomemos as viaxes fluviais coas primeiras melloras e novidades do plan”, avanzou.
Santos Ramos adiantou que para entón estará en marcha unha central de reservas das rutas fluviais, que garantirá a realización de reservas e información turística nun horario amplo: de luns a domingo, de 08:30 horas a 20:30 horas; no teléfono 982-260-196; e no correo catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. Igualmente, darase a posibilidade de comprar anticipadamente os billetes on line as 24 horas na web reservas.rutasembalses.es.
Xunto á creación da central de reservas, nas dependencias do Clube Náutico de Doade, a Deputación habilitará unha oficina para a venda de billetes e para información turística de toda a provincia en xeral, e da Ribeira Sacra en particular. Do mesmo xeito, tendo en conta a elevada afluencia de visitantes que acolleron as rutas fluviais no 2015, con preto de 50.000 persoas; o organismo provincial vai a incrementar o número de profesionais de atención turística e de seguridade nos embarcadoiros.
“Estas son as primeiras melloras, que teremos listas na Semana Santa, pero iremos incoporando máis, pois estamos a desenvolver un plan de mellora das rutas fluviais en colaboración con todos os axentes sociais, colectivos, empresarios e Concellos afectados polas mesmas. Todo isto, enmárcase na posta en marcha dun Plan Integral de Turismo, que é unha das grandes apostas persoais do Presidente da Deputación”, subliñou o voceiro provincial socialista.
Cooperación cos Concellos
A Xunta de Goberno acordou a adhesión da Deputación ao Acordo Marco entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Consello Xeral do Notariado, en materia de xestión de impostos. “Isto permitiranos axilizar, a través do uso das novas tecnoloxías, a recompilación dos datos imprescindibles para a liquidación, concretamente, do Incremento do Valor dos Terreos de Naturaleza Urbana e do Imposto sobre Bens Inmobles. Con este acordo, damos un paso máis na procura da máxima colaboración cos Concellos na recadación de impostos, tendo en conta a falta de medios humanos e materiais das entidades locais. Trátase dun traballo que estamos a facer dende o servizo de Recadación Provincial, ao que están adheridos preto de 60 municipios lucenses debido as súas vantaxes”, indicou Santos Ramos.
Neste senso, adiantou que “o seguinte paso, será asinar un convenio co Colexio de Notarios de Galicia mediante o cal poderemos empregar a súa plataforma web. Isto permitiranos: en relación á Plusvalía e ao IBI, pasar toda a información necesaria e tamén liquidar impostos de pago en línea; sobre o IBI, os notarios poderán informar aos seus contratantes, é dicir, aos cidadáns e informar sobre débedas ou pagos, entre outros. En definitiva, cos estas colaboración tratamos de axilizar todos os trámites na xestión tributaria en beneficio dos Concellos e tamén dos cidadáns, pois contarán cun servizo máis rápido e sinxelo”, remarcou.
Emprego
A Xunta de Goberno resolveu 5 novas empresas e asociacións sen ánimo de lucro beneficiadas do Ben Empregado, que ofrecen outros 5 novos postos de traballo na provincia, e que se publicarán na Bolsa de Emprego da Deputación o vindeiro luns para que os lucenses desempregados interesados os soliciten. Estes empregos son un peón gandeiro, para traballar en Baralla; un carpinteiro para A Fonsagrada; un Enxeñeiro Civil ou de camiños na cidade de Lugo; outro peón gandeiro na Pobra do Brollón; un desarrollador e maquetador de contidos didácticos on line tamén para a cidade de Lugo.
Becas
Na sesión tamén se resolveu un novo beneficiario do plan O teu esforzo ten premio en Lugo, co que a Deputación custea integramente a mellores expedientes de BAC, FP e Grao a súa matrícula para estudar no Campus de Lugo. Neste caso, trátase dunha moza para facer un máster en Lugo. Polo de agora, son un total de 28 os estudantes que se beneficiaron destas bolsas da Deputación, que se enmarcan no Plan de Impulso do Campus de Lugo que ten en marcha coa USC.