Site icon Crónica3.com A Mariña

A Delegación do Goberno en Galicia activa a fase de alerta por nevaradas do Plan de Vialidade Invernal nas estradas das provincias de Lugo e Ourense

A Delegación do Goberno en Galicia activa na súa fase de Alerta o Plan de Vialidade Invernal na Rede de Estradas do Estado das provincias de Lugo e Ourense. Esta medida adóptase ante as prediccións emitidas pola Axencia Estatal de Meteorología (AEMET) e se irá actualizando en función dos partes meteorolóxicos que emita AEMET ao longo deste sábado.

En concreto, segundo as prediccións meteorolóxicas, dende a vindeira medianoite e ata o luns poderían producirse acumulacións de neve de 25 centímetros nas montañas de Lugo e Ourense e ata os 10 centímetros no resto da provincia de Ourense. Ademais, a cota de neve baixará ata os 500 metros.

A Delegación do Goberno en Galicia, de acordo co Protocolo de Coordinación de Actuacións, mobilizará todos os recursos dispoñibles en Galicia para neutralizar os efectos do temporal de frío e neve nas estradas e notificou esta previsión aos organismos implicados en materia de vialidade e tráfico do Estado (Demarcación de Carreteras, Garda Civil e Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste), así coma o resto de administracións. O obxectivo fundamental da activación é garantizar a máxima fluidez posible de tráfico mantendo as infraestruturas de transporte de competencia estatal en condicións de uso.

MEDIDAS DE PROTECCIÓN
A Delegación do Goberno recorda que as medidas xerais de protección a adoptar ante un temporal de neve e frío son:

Se se vai viaxar
Solicitar información previa do estado das estradas e da situación meteorolóxica.

Evitar a viaxe en coche sempre que non sexa necesario e utilizar, se é posible, transporte público.

En caso de ser imprescindible a utilización do vehículo, revisar neumáticos, anticonxelante e freos. Ademais, hai que ter a precaución de encher o depósito da gasolina, e levar cadeas e elementos de abrigo.

Así mesmo, é recomendable levar un teléfono móbil e dispositivo de alimentación do mesmo.

Ir moi atento para ter especial coidado coas placas de xeo. É difícil determinar en que lugar do traxecto se poden ter formado, aínda que xeralmente as zonas sombrías son as máis habituais.

Se queda atrapado pola neve
Debe permanecer no coche, se o temporal o sorprende dentro do mesmo.

Así mesmo, é conveniente manter o motor do vehículo aceso e a calefacción posta, coidando renovar cada certo tempo o aire. É moi importante evitar quedarse durmido.

Comprobar que se mantén libre, en todo momento, a saída do tubo de escape para que o fume non penetre no coche.

Se é posible, intente sintonizar as emisoras de radio, que seguramente o informarán das prediccións meteorolóxicas, as informacións oficiais sobre o estado da situación e as indicacións que se dén respecto diso.

Precaucións na montaña
Se se van realizar excursións á montaña, é conveniente adoptar unha serie de precaucións, tales como:

Informarse da predicción meteorolóxica da zona á que pensa ir.

Elixir a zona adecuada, en función da preparación física e do coñecemento que se teña da montaña.

Informarse da localización dos refuxios ou cabanas onde resgardarse en caso de descenso brusco de temperaturas, tormentas ou outras condicións meteorolóxicas adversas e levar teléfono móbil.

Prestar atención e respectar as indicacións dos carteis e outras sinalizacións sobre riscos da montaña.

Ter en conta que os cambios bruscos de tempo poden ser frecuentes na montaña.

Exit mobile version