No encontro participaron, xunto ao subdelegado e a alcaldesa, representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local.
SITUACIÓN DELINCUENCIAL
Segundo os datos oficiais que se espuxeron esta mañá, a delincuencia rexistrou unha baixada en Viveiro no que vai de ano. Neste senso, destaca o descenso dos roubos con forza, tanto en vivendas como en establecementos. Esta tipoloxía delictiva, que é unha das que máis sensación de inseguridade xera entre os cidadáns, reduciuse a máis da metade no que vai de ano, en comparación co mesmo período do ano anterior. Pola contra, rexístrase un lixeiro aumento dos delitos contra as persoas, provocado por un repunte dos delitos de malos tratos e os delitos de lesións, se ben estes últimos seguen a ter unha incidencia mínima.
Os membros da xunta de seguridade destacaron ademais o alto grao de eficacia acadado no esclarecemento dos delitos rexistrados en Viveiro, unha elevada porcentaxe que atribuiron en boa medida ao “traballo incesante e coordinado” dos corpos de seguridade con presencia no municipio. No que vai de ano, os axentes da Policía Nacional detiveron a 78 persoas en Viveiro, a práctica maioría deles (69) pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delito. O resto, por reclamación xudicial ou por infraccións á lei de Estranxeiría.
CHARLAS A ESCOLARES
Ramón Carballo deu conta tamén esta mañá do traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no marco do Plan director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, un plan posto en marcha en 2013 pola Secretaría de Estado de Seguridade co obxectivo de informar a alumnado, profesorado e Anpas sobre temas como o acoso escolar, o consumo de alcohol e drogas, a violencia de xénero ou os riscos do uso inaxeitado de internet e as redes sociais, mediante charlas ou exhibicións nos propios centros de ensino,
Ao longo do pasado curso 2014/2015, os axentes impartiron 41 charlas dirixidas a alumnos e outras 3 a Anpas de Viveiro, ademais de realizar unha exhibición de medios policiais. No que vai deste curso, xa se impartiron 5 charlas deste tipo no municipio, nas que se abordaron cuestións relacionadas co acoso escolar. Os centros interesados poden solicitar a realización deste tipo de actividades informativas.