Site icon Crónica3.com A Mariña

Realizaranse 16 actuacións de rehabilitación nos cascos vellos de Ribadeo e Rinlo durante o 2016

Ribadeo, 2 de decembro de 2015. Este xoves terá lugar un pleno extraordinario e urxente no Concello para someter a aprobación as bases para as axudas da ARI do casco histórico de Ribadeo e do núcleo de Rinlo, onde o vindeiro ano se acometerán en total 16 actuacións de rehabilitación. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que o Concello segue na liña de contribuír a mellorar a imaxe dos cascos vellos ribadenses.
O rexedor explicou que “neste pleno extraordinario que temos previsto celebrar mañá hai un asunto que nos esixe a urxencia, é o que trata das bases reguladoras para a convocatoria das axudas de rehabilitación de vivendas nos cascos históricos que ten Ribadeo, que son concretamente o casco vello da vila ribadense e tamén o de Rinlo. Para iso durante o ano 2016 hai unha previsión dunhas 11 actuacións na vila de Ribadeo e 5 en Rinlo; polo tanto é necesario aprobar unhas bases que veñan substituír ás que están vixentes, pero neste caso adaptadas á normativa actual tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio”. Suárez Barcia indicou que “as actuacións que se poden considerar susceptibles de ser subvencionadas serán cun mínimo de 2.000 euros de presuposto subvencionable e cunha contía máxima de axuda do 35 por cento do custo subvencionable. Ademais por cada vivenda obxecto de rehabilitación establécese unha axuda máxima unitaria de 11.000 euros. Pero a maiores disto seguimos establecendo bonificacións nas licencias de obra en función da renda dos solicitantes, que van desde un 25 ata o 55 por cento de bonificación. E tamén, como sempre facemos, os proxectos que sexan menores elabóranse desde a oficina técnica do Concello e os de obra maior xa teñen que ser feitos por técnicos externos”.

O alcalde subliñou que “seguimos na liña de contribuír á rehabilitación neste caso de vivenda privada, máis aló da obra pública que o Concello poida facer nestes dous espazos. Trátase de que se o Concello está mandando moitas veces requirimentos de mellora de fachadas, de estética, de seguridade, de ornato, de salubridade pública, tamén agora isto ven acompañado da posibilidade de solicitar axudas que con cargo aos presupostos da Xunta e do Ministerio e tamén, para obra pública, por parte do Concello. Así entre todos estamos facendo uns cascos vellos máis vivos e cada día máis novos”.

Exit mobile version