A Mariña, 2 de decembro de 2015. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, reuniuse cos bombeiros do Parque Comarcal de Barreiros, ocasión que aproveitou para salientar a labor que estes traballadores realizan e a necesidade de que estean sempre dotados dos mellores recursos. Llano tamén manifestou a súa intención de levar aos concellos charlas, seminarios e cursos para que os veciños estean informados sobre os protocolos do Parque Comarcal e sobre cuestións de seguridade básica.
O presidente da Mancomunidade sinalou que “tiven a ocasión de ir a onde teñen a sede os bombeiros de Barreiros, porque hai unha serie de municipios, dez, que pertencemos a esta base. O sarxento explicounos perfectamente como funciona e como debe ser unha boa actuación e os seus protocolos así como a responsabilidade que ten cada Concello e cada alcalde no momento no que haxa que facer unha coordinación por accidentes ou incendios que obriguen a saír aos bombeiros”.
Alfredo Llano manifestou tamén o seu interese por dar a coñecer as tarefas dos bombeiros polos municipios da Mariña: “eu creo que é algo que nos interesa a todos os Concellos, polo que vou formular estas reunións na Mancomunidade. Vou procurar que todos os Concellos coñezan como funciona e como hai que facer as intervencións conxuntas e os protocolos que son necesarios realizar cos bombeiros, procurar que teñan sempre a mellor dotación posible, que estean sempre ao día, con todos os medios posibles e axeitados para levar a cabo o seu traballo. É importante que todos os Concellos esteamos detrás da súa tarefa para que funcionen, porque cando fan falta teñen que estar, e eles así o queren, nunhas óptimas condicións. Por iso dende a Mancomunidade queremos buscar a mellor axuda para eles e estar sempre de acordo con esta xente que está facendo unha labor moi importante. O que máis nos interesa é que cando haxa algo que facer saia todo perfectamente”.
“O sarxento explicounos que as iniciativas debe levalas a cabo cada Concello, e eu vou solicitar para Burela, aínda que outros alcaldes poden solicitalas para os seus Concellos, diferentes charlas, cursiños, seminarios, sobre primeiros auxilios, como procurar unha boa hixiene na casa para evitar incendios, caídas, todo aquilo de coñecemento básico para que nas casas se poidan levar cousas da mellor maneira. Imos tratar de potencialo e levalos a cada Concello para que estes profesionais dean un cursiño, unha charla ou un seminario para todos do veciños e, desa maneira, que todos teñamos maior coñecemento e saibamos que están ai, para que están e como funcionan”, engadiu Alfredo Llano.